Deportivo da Coruña e Victoria definen o seu futuro ante o Betis

Ambos equipos coruñeses están obrigados a gañar para permanecer na Primeira e ascender a Segunda, respectivamente.
As xogadoras do Dépor son unha piña (Foto. RC Deportivo).
photo_camera As xogadoras do Dépor son unha piña (Foto. RC Deportivo).

O fútbol feminino galego define o seu futuro esta fin de semana, casualmente, ante o Real Betis Balompié. Deste modo, o Deportivo Abanca, único representante do país nunha máxima categoría que será profesional a partir da vindeira tempada 2021/22, visita o Municipal Felipe del Valle sabendo que todo o que non sexa volver á Galiza cos tres puntos no peto será sinónimo de descenso á Segunda División.

Cando restan tan só dous partidos de competición, o conxunto herculino está situado na décimo quinta posición na táboa, a cinco dun Betis que marca o límite da salvación. Xa que logo, o encontro previsto para as 11 horas deste sábado adquire o carácter de auténtica final anticipada na que a presión é total.

A boa nova para unhas xogadoras herculinas que se desprazaron en avión xa nesta quinta feira para aclimatarse ás altas temperaturas que vén padecendo a capital hispalense é o regreso da súa concentración coas seleccións de España e Costa Rica das internacionais Athenea, Stephannie Blanco e Noelia Bermúdez.

As tres chegaron a tempo de adestrar ás ordes de Manu Sánchez antes de voar até Sevilla.

O Victoria, á expectativa

O resultado do Betis-Deportivo ben podería condicionar o futuro do Victoria CF, que se xoga o domingo ás 11 horas o ascenso á Reto Iberdrola, a segunda categoría do fútbol estatal.

Logo do empate na Grela no partido de ida (1-1), as galegas saben que necesitan gañar ou un empate a dous ou máis goles para subir.

Mais tamén terán un ollo posto na clasificación final da Liga Iberdrola, pois se o Dépor consigue salvarse a costa do Betis, o descenso dos heliopolitanos impediría o ascenso do seu filial e, polo tanto, o Victoria sería matematicamente novo equipo de Segunda. 

Comentarios