O Deportivo da Coruña arrasa na edición máis particular dos Premios do Fútbol Feminino Galego

Este 2021, a causa das circunstancias sanitarias, non puido ter lugar a tradicional Gala do Fútbol Feminino Galego, que cada ano recoñece os nomes máis destacados do panorama no país, mais iso non foi óbice para que, aínda que a distancia, se recoñeza o traballo de Tere Abelleira, Manu Sánchez, Zulema González e o Silva.
O extraordinario nivel da centrocampista pontevedresa no Dépor levouna a asinar o pasado verán polo poderoso Real Madrid. (Foto: Europa Press).
photo_camera O extraordinario nivel da centrocampista pontevedresa no Dépor levouna a asinar o pasado verán polo poderoso Real Madrid. (Foto: Europa Press).

Un ano máis, tal e como vén acontecendo desde 2011, a dirección da Revista do Fútbol Feminino Galego fixo públicos os nomes das galardoadas nos premios que distinguen as deportistas máis destacadas dentro do panorama futbolístico do país.

Lamentabelmente, e a diferenza de tempadas anteriores, onde estes ían acompañados dunha gala que se desenvolveu por última vez en Cambre no Nadal de 2019, as circunstancias sanitarias impediron levar a cabo un evento de entrega de premios no sentido máis convencional. 

Por iso, "e para non perder o fío dun certame que consideramos que após dez anos é xa un referente dentro do que é o contexto do fútbol feminino galego", segundo explica a Nós Diario o seu organizador, Carlos Castro, optaron por reducilos a "catro categorías de referencia que ilustran o traballo das persoas e entidades máis salientábeis nos catro principais estamentos que existen neste deporte: xogadoras, adestradoras, colexiadas e clubs, entre os que se destaca o seu fair play ou xogo limpo".

Esta particular e minimalista edición do certame tivo como principal protagonista o Real Club Deportivo da Coruña, que viu como a súa xogadora franquicia, Teresa Abelleira, e o seu técnico, Manu Sánchez, eran recoñecidos como Mellor Xogadora Galega e Mellor Técnico Galego polo seu espectacular desempeño durante a tempada 2019/20, na que a entidade branquiazul finalizou en cuarta posición e foi unanimemente loada como a escuadra revelación da Liga.

Abelleira, cuxo bo desempeño no centro do campo do branquiazul a levou á internacionalidade e a asinar polo Real Madrid no pasado verán, faise co premio por vez primeira, tomando así o relevo da valencianista Mari Paz Vilas, quen gañara na anterior edición para pasar a liderar o ránking histórico con tres galardóns, un por diante da compostelá Vero Boquete.  

Segundo Castro, optaron a esta distinción outros nomes, como o da tamén deportivista Nuria Rábano ou a pivote do Benfica Paula Domínguez 'Pauleta', mais en última instancia o nivel exhibido por Tere Abelleira "fixo que non fose necesario moito debate".

No que respecta a Manu Sánhez, "tampouco había discusión posíbel, pois é o único técnico galego dunha Liga Iberdrola na que o equipo que dirixiu foi dos mellores, e en parte grazas ás súas decisións técnicas, que conseguiron elevar aínda máis o nivel dunhas xogadoras que apenas tiñan experiencia na categoría", engadiu.

O terceiro premio recaeu en Zulema González González, nomeada Mellor Colexiada Galega da campaña 2019/20 "pola súa condición de única internacional, liderando un ano máis o prestixioso colectivo arbitral do noso fútbol", sobre o que Castro destaca o dato de que "tan só Catalunya ten tantas mulleres en Primeira División como o Comité Galego".

E, finalmente, o galardón ao Equipo Galego Máis Deportivo foi para o Silva da Coruña, que toma o relevo da SD Bandeira despois de recibir a cifra de tan só tres cartóns amarelos durante o conxunto da pasada tempada.

Comentarios