Deportivo e Celta conclúen a súa preparación con resultados diferentes

O equipo coruñés culminou unha exitosa pretempada, con seis vitorias, dous empates e unha soa derrota, mentres o conxunto vigués rematou a súa preparación marcada pola falta de gol.

Celtarras
photo_camera Celtarras

A unha semana para o comezo da tempada regular, o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo pecharon este sábado a súa preparación, que plantexou diferentes dúbidas en cada conxunto. O equipo coruñés presentouse en Riazor ante a súa afección cunha remontada ante o Gil Vicente. Unha victoria por tres goles a dous que se consumou nos últimos intres do encontro.

O Deportivo completou así unha exitosa pretempada no futbolístico con seis vitorias, dous empates e unha soa derrota, aínda que marcada polos problemas económicos do clube. Peor sorte correu o Celta, que caeu ante o Marítimo por un gol a cero. Os de Luis Enrique foron superiores todo o partido pero demostraron de novo a súa principal debilidade, a falta de gol. 

A seca goleadora dos celestes preocupa en Vigo. En catro amigábeis de preparación non foron capaces de anotar un só tanto, agás o marcado por Augusto Fernández nun encontro de adestramento contra o Coruxo. Tres derrotas pola mínima e unha victoria por penaltis no Memorial Quinocho conforman o balance do novo proxecto celtista.

Os dous equipos afrontan unha tempada vital para o seu futuro. Os coruñeses arrincarán na liga de prata contra As Palmas, onde recalou o histórico xogador deportivista Juan Carlos Valerón. Pola súa banda, o Celta repetirá enfrontamento en Balaídos ante o Espanyol, o mesmo rival ao que venceu na última xornada da liga para salvarse.

A canteira pide paso en Riazor

O Deportivo saltou onte a Riazor con dez xogadores formados en Abegondo no esquema inicial. O encontro serviu de escaparate para outros futbolistas da canteira, como Javier Fernández 'Bicho', o máis destacado da primeira metade. Tamén para Stefan Deak, que se convertiu no xogador decisivo. O serbio foi o autor dos dous goles definitivos, a falta de cinco minutos para o asubío final. Deak tivo un asistente de luxo no arxentino Juan Emmanuel Culio, que debutaba un día despois de ser presentado. 

 

Comentarios