O Deportivo bota as contas do ascenso

O feminino branquiazul non depende de si mesmo para subir á Liga F. Segundo a Intelixencia Artifical, ten 37,4% de posibilidades de conseguilo.
Entre os deportes colectivos máis populares, o fútbol é o único no que a Galiza non conta cun equipo na máxima categoría. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Entre os deportes colectivos máis populares, o fútbol é o único no que a Galiza non conta cun equipo na máxima categoría. (Foto: RC Deportivo).

Hai xa anos que as mulleres son o principal referente deportivo galego tanto no plano individual como no colectivo, como demostra a presenza de equipos do país nas ligas principais das modalidades máis populares, como baloncesto, fútbol sala, voleibol, hóckey ou balonmán. A única excepción é o fútbol, unha anomalía coa que o Dépor ten a oportunidade de rematar o próximo domingo.

A goleada que lle inflixiu a pasada fin de semana ao Juan Grande Ginelux (6-2), fechacancelas, deixou o feminino do Real Club Deportivo da Coruña como terceiro clasificado da Primeira Federación, que a pesar do seu nove é a segunda categoría do fútbol estatal, só por debaixo da recentemente profesionalizada Liga F.

O único posto que outorga un boleto directo á elite é o primeiro, que por dereito propio pertence ao Fútbol Club Barcelona B. Non obstante, a presenza do Barça 'A' na Liga F bloquea o ascenso do filial blaugrana, polo que será quen remate como segundo o que suba.   

A ese privilexio opta unha  terna de equipos empatados a puntos, ademais dun Granada que precisa dunha carambola. Deste modo, logo da disputa da penúltima xornada a clasificación ten como segundo o Eibar, terceiro o Deportivo e cuarto o Osasuna, todos eles con 52 puntos, mentres que o último conxunto con opcións é un Granada que figura en quinto lugar con 49 puntos.

Programada -loxicamente- de forma unificada, a trixésima e derradeira xornada comezará ás 12 horas do próximo domingo día 24, visitando o Dépor o campo do Logroño -oitavo clasificado-, o Osasuna o do Cacereño -sétimo- e o Eibar o do Granada, nun choque que pode condicionar por completo o resultado do torneo.

Así, para obter o ascenso directo o Deportivo precisa, ademais de imporse no seu partido, que o Eibar perda ou empate en Granada. Só iso, porque ao terlle gañado o golaverage, o combinado herculino superaría Osasuna en caso de que as pamplonesas tamén sumen os tres puntos. Ademais, incluso cunha derrota podería ascender o Dépor, pero necesitaría que tamén fixeran o propio Osasuna e Eibar. 

A Intelixencia Artificial confía no Dépor: Chat GPT dá 37,4% de posibilidades

O mes pasado empregábanos nestas mesmas páxina de Nós Diario a ferramenta Chat GPT,  unha Intelixencia Artificial (IA) das máis populares na actualidade, para calcular estatisticamente as posibilidades que tiña o Club Deportivo Lugo de obter a salvación. Contundente, ditaminou que era de 0,016%, as mesmas que ten unha persoa de que lle toque o 'Gordo' da Lotaría de Nadal. Tres días despois, o Lugo volvía perder e confirmaba o seu descenso á Primeira RFEF.

Agora, volvemos recorrer á IA para coñecer as opcións que ten o Real Club Deportivo de concluír o campionato na segunda posición e, polo tanto, de obter o ascenso directo.

Logo de empregar a simulación Montecarlo, unha técnica matemática que se usa para estimar os posíbeis resultados dun suceso incerto, e tendo en conta non só as combinacións posíbeis na derradeira xornada, senón tamén as traxectorias dos aspirantes (Dépor, Eibar, Osasuna e Granada) nas últimas datas e ante os seus rivais na xornada 30, concluíu que o feminino branquiazul ten 37,4% de posibilidades de conseguir a meta do ascenso. 

Comentarios