O deporte galego conmemora o Día Internacional das Mulleres Traballadoras

As redes sociais de federacións e clubs enchéronse de cor lila. Ademais, anunciáronse varias campañas e iniciativas. 
Mostra da reivindicación nas redes do deporte galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mostra da reivindicación nas redes do deporte galego (Foto: Nós Diario).

O deporte galego mobilizouse onte polo 8-M, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, a través das redes sociais, participando en actos e anunciando actividades. Clubs e federacións encheron de cor lila os seus avatares con deseños alusivos á reivindicación da igualdade de xénero.

No fútbol, ademais da federación, amosaron a súa reivindicación equipos como o Celta, o Lugo, o Dépor ou o Racing de Ferrol. O mesmo aconteceu en disciplinas como o atletismo, o bádminton ou o montañismo. 

Algúns equipos engadiron textos para reforzar a mensaxe da xornada. Foi o caso no baloncesto do Obradoiro de Compostela que apuntou que “está nas nosas mans seguir avanzando cara á igualdade de oportunidades e dereitos” ou no hockey o Liceo que desexaba neste día que “continuemos avanzando cara á igualdade real”. 

A propia Federación Galega de Baloncesto (FGB) empregou as súas redes sociais para difundir os apoios que recibía durante a xornada por parte de clubs galegos deste deporte. 

Actos e xornadas

Ademais, equipos como o Burela Fútbol Sala participaron cunha representación das súas xogadoras (Patricia, Caridad, Saki, Jenny e Bruno) na lectura dun Manifesto Institucional polo 8 de Marzo na praza do Concello mariñán. 

A Federación Ciclismo Galego, pola súa parte, anunciou onte a segunda edición das Xornadas de Tecnificación Mulleres Ciclistas que terán lugar os días 5 e 6 de abril en Marín (O Morrazo). Nelas participarán, entre outras, a adestradora nacional galega Eva Castro e a árbitra Dolores Cuñarro

Outra federación, a de piragüismo, presentou a unidade didáctica que se elaborou sobre a deportista do CDN Miño, Teresa Portela. “Queremos dar os parabéns ás nosas e aos nosos deportistas por todo o conseguido no ámbito da igualdade, así como reivindicar maior presenza e visibilidade da muller en todos os ámbitos deportivos, tamén no noso deporte”, apuntan desde este organismo. 

Onte, por último, a Federación Galega de Montañismo anunciou unha campaña reivindicativa durante marzo. “Hoxe as mulleres conformades 39,44% da masa federativa e é hora de que amosedes libremente o que vos achega o deporte de montaña”, indican nun comunicado.

Por este motivo solicitan que as mulleres que queiran participar envíen fotografías aos clubs “practicando a modalidade de montaña que máis vos guste e escribindo unha frase curta que identifique o teu sentimento".

Comentarios