Un gol de Valencia no desconto empurra o Deportivo ao abismo

O efeito Paciência pasou á historia e o Deportivo sumou unha nova derrota na Liga. A equipa galega careceu da solvencia defensiva que se lle supón ás escadras treinadas polo técnico portugués.

Na primeira metade, o Deportivo de Paciência foi máis ben o Deportivo de Oltra. Ningunha seguranza defensiva. Moitos balóns perdidos. En realidade, foi ben pior que o Deportivo de Oltra, porque non había nin un átomo de materia gris na liña de criación, con Valerón e Juan Domínguez -retornado á convocatoria- no banquiño.

Nos primeiros 30 minutos de xogo, e descontado o gol no minuto 1 de Jonas, o Valencia dispuxo dun mangado de ocasións para fechar o encontro, mas sobre o relvado non se achaba Soldado. Boa noticia para un Deportivo que sobreviveu tamén grazas á inspiración de Aranzubia.

Foi entón cando apareceu o nervio de Riki, que sumou dous tantos e puxo o Deportivo en vantaxe. Así concluiu o primeiro acto: xogo para o Valencia, goles para o Deportivo.

A expulsión de Silvio -con Paciência o Deportivo xoga moito máis ao límite do regulamento- marcou o desenvolvimento da segunda parte. A equipa galega acusou a inferioridade numérica. O Valencia non desaproveitou a ocasión. O pechacancelas continúa a selo. Riazor, con 30.000 almas, continúa sen ser o fortín inexpugnábel que o Deportivo precisa para sobreviver. Un gol no desconto empurra o Deportivo no abismo. A equipa branca-azul concluiu o macht con 9 futbolistas, após a expulsión postreira de Paulo Assunção.

Após este 2-3, o Deportivo apenas soma 16 pontos logo de 21 partidos. Números para unha equipa á beira do desafiuzamento.

Comentarios