O Dépor volta a gañar 118 días despois

Un arrebato de dignidade devolveu o Dépor ao camiño das vitorias. Após 14 partidos sen gañar, o Dépor derrotou o fechacancelas da liga nun partido para superviventes. O triunfo non garante nada e moito menos se o Levante vence este domingo en Valéncia ao Las Palmas.

depor
photo_camera Os futebolistas do Dépor celebran o seu triunfo

Non é o mesmo baixar a Segunda División escorregando polo chan que facelo con certo decoro. Esa idea é a que move neste momento o combo treinado polo holandés Clarence Seedorf, o técnico que esta sexta feira conquistou a súa primeira vitoria após 9 xogos como inquilino do banco branquiazul. O balanzo é magro e seguramente insuficiente. En 31 capítulos deste campionato o Dépor sumou 23 pontos. Só foi quen de obter 5 vitorias (3 con Mel, 1 con Cristóbal e agora 1 con Seedorf).

O Dépor púxose con vantaxe no marcador ben axiña. Minuto 6. A típica galopada en solitario de Lucas. Típica mais moi infrecuente nesta liga. O de Monelos acaba por ser derrubado na área. Penalti. Embora ter sobre a súa conciencia o fallo da pena máxima no crucial encontro co Espanyol, a Lucas non lle treme o pulso e apaña a bola. Chuta co seu pé esquerdo e engana totalmente o gardamallas. 1-0.

O gol anestesiou o Dépor, en realidade anestesiou o partido. Non houbo máis nada nos primeiros 45 minutos. Só o empate do Málaga. A equipa andaluza tivo o dominio da bola, mais foi incapaz de chutar a porta neses primeiros 45 minutos. Non chutou nen no gol, obra dun xogador branquiazul -Guilherme- en propia meta.

O empate non lle valía nen ao Dépor nen ao Málaga, mais a única equipa que saíu ao verde na segunda parte con vontade de ir a polos tres pontos foi a treinada por Seedorf. E foi entón cando brillou un futbolista tan intermitente como talentoso. Adrián. Un bailarín no meio das trincheiras. Pura clase. Tivo aliados, claro. Momentos de Çolak, que, si, sempre ten de estar no campo, que desbaldimento a cantidade de minutos que nesta liga estivo no banco! E logo Lucas evocou por momentos o Lucas de hai dúas temporadas. Abeirou o gol nunha volea ao comezo da segunda parte que obrigou Roberto, o excelente porteiro do Málaga, a dar a mellor versión de si propio para evitar o 2-1. 

O Dépor foi quen puxo máis e ás veces -non sempre, como demostra a traxectoria de Seedorf en Razor- o fútebol reparte xustiza. Adrián, que non é precisamente un killer na área, tivo dous raptos de inspiración. Un deles foi contrabalanceado por un soberbio gol de Rolan, o exquisito ponta colombiano asinado polo Dépor para a próxima campaña (xa veremos que pasa con el se se consumar o descenso a Segunda División). O segundo deles -a un pase sensacional, tenso, exacto, mortal, de Pedro Mosquera- xa foi definitivo para o desenlace do encontro.

Hai agora 7 xogos por diante. A aritmética diría que con 5 vitorias (5 son as que conseguiu o combo coruñés en 31 xogos!) o milagre sería posíbel. Mais obxectivamente 5 triunfos de 7 parece unha empresa fóra do alcance desta equipa. Ora, embora este deporte non ser unha ciencia, se o fose as súas normas estarían ás veces próximas á física cuántica, ao mundo en que ás veces o azar o goberna todo e en que calquera cousa pode acabar acontecendo.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Pedro Mosquera (Borja Valle, min. 80), Muntari (Borges, min. 46), Emre Çolak (Andone, min. 87), Lucas e Adrián.

Málaga CF: Roberto, Rosales, Luis Hernández, Miquel, Miguel Torres, Success (Samu García, min. 56), Iturra, Lacen (Adrián González, min. 68), Chory Castro (Borja Bastón, min. 79), Rolan e En-Nesyri.

Goles: 1-0 Lucas, de penalti (min. 6); 1-1 Guilherme, en propia meta (min. 41); 2-1 Adrián (min. 70); 2-2 Rolan (min. 73); 3-2 Adrián (min. 85).

Árbitro: Mateu Lahoz (c. valenciano). Cartóns amarelos a Miquel (min. 16), Muntari (min. 34), Luis Hernández (min. 43), Guilherme (min. 48), Emre Çolak (min. 51), Miguel Torres (min. 52) e Rubén (min. 90).

Incidencias: partido da 31ª xornada de LaLiga disputado en el Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.058 persoas.

Comentarios