O Dépor trae un valioso punto de Mestalla (1-1)

[Imaxe: Canal Deportivo]
photo_camera [Imaxe: Canal Deportivo]

A primeira parte do encontro caracterizouse por un Deportivo que lle fixo fronte ao Valencia e que, numerosos trances, mesmo se amosou superior ao equipo local. De feito, os branquiazuis dispuxeron de numerosas ocasións na área local, a primeira delas no minuto 4 de partido, cunha clara oportunidade de Luis Alberto. O deportivista tivo que ser substituído no minuto 28 logo dunha polémica xogada, por un posíbel penalti, que acabou cunha escordadura de nocello do branquiazul, tal e como infomou posteriormente o Deportivo.

O dominio demostrado polo Depor na primeira parte tivo a súa recompensa no minuto 38, cun gran disparo anotado por Lucas, que bateu o meta local coa esquerda. Porén, a pouco de chegar o descanso, o Valencia conseguía o gol do empate na súa primeira ocasión. Nun saque de esquina, o ex xogador do Celta Santi Mina peiteou o balón para que Negredo, aproveitando que estaba libre de marca, puxese as táboas no marcador.

O segundo tempo caracterizouse por un gran Lux, que demostrou o difícil que o ten Víctor Sánchez Del Amo para elixir o meta titular. O meta deportivista estivo providencial e impediu que o marcador fose desfavorábel para o equipo coruñés. Nesta segunda parte, o partido dotouse dun intercambio na posesión do balón e nas chegadas de ambos os equipos.

Os últimos minutos, o Depor dispuxo de superioridade numérica no campo, despois de que o colexiado, González González, amoestara por vez segunda a Barragán.

O encontro, no que debutou Jonathan Rodríguez, chamado a ser a referencia na punta de ataque deportivista, logrou recuperar a ilusión entre a afección coruñesa.

Valencia CF: Ryan, Gayá, Vezo, Mustafi, Barragán, Javi Fuego, De Paul, Danilo (Parejo, min 72), Rodrigo, Santi Mina (Feghouli, min. 72) e Negredo (Alcácer, min. 75)

RC Deportivo: Lux, Laure, Arribas, Sidnei, Navarro, Mosquera, Borges, Juanfran (Jonathan Rodríguez, min. 71), Fayçal, Lucas e Luis Alberto (Luisinho, min. 28)

Goles: 0-1 Lucas (min. 37); 1-1 Negredo (min. 44)

Árbitro: González González (C. Castellano Leonés). Amoestou Danilo Barbosa (min. 44), Barragán (min. 72 e 84), Lux (min. 75) e De Paul (min. 85).

Comentarios