Após 13 partidos sen gañar

O Dépor suma tres puntos con sabor a permanencia

Catorce xornadas após, os coruñeses logran unha vitoria que os aproxima ao soño da permanencia en Primeira División.

[Imaxe: RCDC] Luis Alberto celebra un gol
photo_camera [Imaxe: RCDC] Luis Alberto celebra o gol

Un gol de Luis Alberto e outro de Mariño en propia porta valéronlle ao Dépor os ansiados tres puntos que non viu durante 13 partidos consecutivos.

 O partido comezou co dominio dos xogadores locais, que non eran quen de estrear o marcador. O gol chegou cando restaban tan só dous minutos para o descanso. Grazas a unha xogada maxistral de Lucas Pérez, Luis Alberto batía o meta do Levante. Fallou no primeiro remate a porta, mais anotou co rexeite, tombando o porteiro visitante.

Na segunda parte percibiuse o espertar do Levante. Os visitantes empataban no minuto 50 grazas a un tanto de Rossi, que provocaba un tremor na loita pola salvación. O tanto do Levante animou o conxunto valenciano, que tratou de ir a pola vitoria.

O Dépor veuse arriba no tramo final do encontro até que atopou o segundo tanto. Así, a cinco minutos para o final, un centro pasado desde a dereita foi rematado por Luis Alberto. Mariño interceptou o lanzamento de primeiras pero o esférico deu en Lucas Pérez. O balón deu no pau e rebotou en Mariño antes de entrar na rede.

Con este triunfo, o Dépor fica con 36 puntos e supera os 35 cos que rematou a Liga na pasada campaña, cando logrou a permanencia na máxima categoría.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Fernando Navarro, Luisinho, Fayçal Fajr (Oriol Riera, min. 83), Pedro Mosquera, Borges, Cani (Fede Cartabia, min. 66), Luis Alberto e Lucas (Álex Bergantiños, min. 88).

Levante UD: Mariño, Lerma, Feddal, Medjani, Juanfran (Cuero, min. 86), Morales (Rubén, min. 81), Simao, Verza, Verdú, Rossi (Casadesús, min. 77) e Deyverson.

Goles: 1-0 Luis Alberto (min. 43); 1-1 Rossi (min. 50); 2-1 Mariño, en propia meta (min. 85).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Amoestou Lerma (min. 33), Simao (min. 69), Oriol Riera (min. 88), Verza (min. 90) e Luis Alberto (min. 90).

Comentarios