Un Dépor solvente

En Riazor están prohibidas as vitorias sen suspense e o partido desta segunda feira reservou tres minutos de zozobra, os finais. Mais no cómputo global o Dépor foi unha equipa solvente e cumpridora en case todas as facetas do xogo. E cun puñal arriba, un Quique González que volveu da lesión en estado de graza. A vitoria coloca o combo coruñés en postos de play off.

Quique1
photo_camera Quique González, entre rivais

O deseño de Natxo González foi afouto: prescindiu dun medio-centro defensivo —Bergantiños só apareceu no desconto, para achicar balóns— para aliñar dous puntas, Carlos Fernández e Quique González. O resto, o plano coñecido: unha defensa sen moitas fendas, e unha medular cun futebolista total, Pedro Mosquera, a facer parella con Vicente Gómez, o típico xogador de excelente toque de balón, característico da escola canaria.

O primeiro acto do match foi un remake do xogo co Sporting: o Granada non xogou a nada, só a manter a portería intacta. O Dépor tocaba e tocaba, sen demasiada profundidade polas bandas, iso si, con Cartabia a agardar turno até a súa entrada na segunda parte. Pouca profundidade local, mais a suficiente para abeirar o gol no minuto 22, cun Quique González que non embocou un remate franco, após un centro tenso de Saúl, debutante no carril esquerdo. A bola deu no pau.

Na segunda parte, o Granada reequilibrou lixeiramente o xogo, produto de que a presión branquiazul sobre a zaga visitante fora afrouxando. Mais daí viñeron boas noticias para o combo galego, para quen sempre é mellor que o rival propoña algo distinto a se acantonar na área. Nunha desas chegou o penalti, transformado con sangue frío por Quique.

Co 1-0, o Dépor puxo en escena un dos recursos que mellor manexa, o passing game. A bola só circulaba polos pés branquiazuis. A equipa mellorou considerabelmente coa entrada en xogo de Edu Expósito por un Didier Moreno moi apagado. O ex fabrilista non só pelexa, senón que ten criterio na circulación. Dunha das súas internadas pola dereita naceu o 2-0, obra dun killer. Quique recibiu de costas á defensa, revirouse e puxo o balón no pau longo, imposíbel para Rui Silva. A manobra dun dianteiro que sempre ten a portería entre cella e cella. 

Todo transcorría placidamente até que o heroe da noite, o Quique González que ficou a un milímetro do hat trick, se encerellou entre varios rivais e acabou regalando a bola, cun pase despropositado cara á zona central da zaga branquiazul. O lance deu orixe a unha falta que transformou en gol con mestría Montoro. Minuto 90. 2-1. Desconto. Os tradicionais minutos de suspense en Riazor, coroados desta volta cun happy end.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Didier Moreno (Edu Expósito, min. 60), Pedro Mosquera, Vicente Gómez, Carles Gil (Fede Cartabia, min. 74), Carlos Fernández e Quique (Álex Bergantiños, min. 90+1).

Granada CF: Rui Silva, Víctor Díaz, Germán, Martínez, Álex Martínez, Montoro, Fede San Emeterio, Fede Vico (Pozo, min. 63), Vadillo (Juancho, min. 83), Adrián Ramos (Rodri, min. 74) e Antonio Puertas.

Goles: 1-0 Quique, de penalti (min. 68); 2-0 Quique (min. 77); 2-1 Montoro (min. 90).

Árbitro: Moreno Aragón (c. madrileño). Cartón amarelo a Pablo Marí (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á sexta xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 13.820 espectadoras e espectadores.

Comentarios