O Dépor salva a liquidación a dúas bandas, unha análise de Carlos Alberto Sánchez

O Deportivo salvou o match ball de Facenda -o que afasta o clube coruñés do abismo da liquidación-, mais aínda ten por diante un acordo cos bancos. O noso analista de deportes Carlos Alberto Sánchez debulla todas as claves nesta crónica.

depor
photo_camera O Dépor festexa un gol

Esta mañá o presidente do Deportivo, Tino Fernández, chegou a un acordo con Facenda o que significa que o club recibe un golpe de alento para remontar o nivel de asfixia que estaba sufrindo ante as presións dos seus acredores, que converteron a semana nun calvario ante as posturas tácticas de Facenda e os bancos.

A sociedade branca e azul comunicaba pasado o mediodía deste venres que viña de resolver o problema coa administración, pero non especificaba os termos en que consiste o acordo. Os datos do pacto quedan para unha rolda de prensa, na que o presidente deportivista dará conta de todos os detalles e o cadro de pagos que se vai comprometer a pagar con tódolos acredores.

As negociacións chegaran a principios desta semana a un punto morto entre bancos, Facenda e Deportivo. A cuarta feira, prendéronse as alarmas para ver se excercendo presión se conseguía reconducir as negociacións. A entidade herculina pretendía facer entender a todas as partes implicadas como se fosen unha, pero os dous maiores acredores escenificaron unha pelexa cruenta que rompía a vía tripartita. A inflexibilidade de Facenda respecto ós dereitos de prenda aos que teñen dereito as entidades bancarias, que prestaron os cartos que permitiron ó Deportivo construir o proxecto que o fixo campión de Liga, levaba agora o clube a unha situación agónica. O desentendemento, que durou dúas semanas, facía temer a posibilidade real da liquidación do equipo coruñés. As entidades financeiras, Banco Sabadell-Gallego e Nova Galicia Banco non eran quen de falar con Facenda, nin de obter un talante negociador que lles fora máis rendible. A ruptura entre bancos e Facenda deixaba ó clube nunha situación complicada ante a inminente chegada da data da firmeza da sentenza do xuíz Niño, do Mercantil número 2, asinada o pasado 7 de febreiro. A data límite, para que o fallo xudicial sexa firme, finaliza o vindeiro martes, considerando este como o día de graza que se concede tralo último día hábil.

Os bancos teñen provisionadas as débedas

A voz de alarma, confirmada por fontes próximas ás negociacións, prendeu a preocupación social pero serviu para entender que a liquidación do Deportivo non beneficiaba a ningunha parte. Os acredores no mellor dos casos cobrarían os cartos que están bloqueados nos xulgados, 21,9 millóns de euros, un dos elementos principais que separa as posturas dos acredores maioritarios. Pero, liquidado a entidade, non habería máis recursos para enxugar a débeda. O resto, 140 millóns de euros irían a perdas. A desaparición do clube era un absurdo para todos. Para os bancos a perda xa non é tal, porque está provisionada nos seus balances de contas desde hai dous anos, xa que así o impuxo o FROB que obrigou a considerar este tipo de créditos como incobrables. Pero, é Facenda? Arriscaríase Facenda a perder 80 millóns de euros do erario público? Os bancos contan cunha resolución do xuíz nas que recoñecen o valor de prenda sobre os 21,9 millóns de euros, polo que consideran que é proba máis que suficiente para gañar a batalla xudicial con Facenda no caso de ter que librarse. A vía xudicial, se o acordo final é bilateral e non tripartido, podería seguir o seu camiño sen que afecte directamente ó Deportivo.

Rematar a partida cun plan B 

Visto o visto, o escenario tiña que mudar. Cando Tino Fernández observou que a solución tripartita non saía adiante, polo menos, de partida, había que rematar a partida cun plan B. Xa que logo, o tacticismo da negociación librouse por separado. Primeiro, acordo con Facenda e logo, unha vez asinado co maior acredor, rematar a partida coas entidades financeiras. Fontes consultadas confirman a Sermos Galiza que os bancos están abertos a calquera tipo de negociación, sempre e cando os seus dereitos non se vexan magoados. Coa sinatura de Facenda a presión mudou de bando e agora son os bancos os que teñen que dar si ou si o paso definitivo para evitar a liquidación do Deportivo.

Malia que Tino Fernández buscou a sinatura cos bancos este venres, non a obterá ata a vindeira semana

Hoxe venres ese acordo non foi posible. Así pois, non todo está resolto aínda. A sinatura con Facenda obriga agora ás entidades bancarias a rebaixar o clima de tensión e avirse a un acordo tarde ou cedo. Malia que Tino Fernández buscou a sinatura cos bancos este venres, non a obterá ata a vindeira semana. Fontes consultadas por Sermos Galiza indican que en todo caso comezará a falarse de arranxo a partir do luns, descartando que chegue o acordo durante a fin de semana.

Malia que o clube non aclarou oficialmente cales son as condicións acordadas definitivamente, todo apunta a que non diferirán moito do publicado en Sermos Galiza hai dous días. É dicir, a débeda privilexiada coa administración deberá pagarse en 8 anos e ó 2% de xuros. Dos ingresos extraordinarios, é dicir, a venda de xogadores, por exemplo, Facenda percibirá o 25% desas cantidades. Cos bancos, unha grande parte da débeda afrontarase mediante acordos publicitarios e esponsorizacións.

Unha vez que chegue a sinatura cos bancos, entre o luns e o martes, comezará unha nova etapa para o Deportivo. Cumprir cos pagamentos no seu tempo será un enorme reto financeiro.

Comentarios