O Dépor regala dous puntos

Embora ir por diante no marcador, non foi quen de rematar un partido no que o Tenerife lle empatou no último suspiro.

depor

Invicto na Liga 123 mais coa sensación de que iso sabe a pouco: cinco puntos en tres saídas. O Dépor volveu outra vez non ser quen de rematar un partido e este sábado fronte ao Tenerife deixou escapar dous puntos. Embora ir por diante no marcador en dúas ocasións, os canarios acabaron empatándolle aos coruñeses.

Os deportivistas realizaron unha moi boa primeira parte mentres que na segunda semellou ser outra equipa, desaparecida, algo que aproveitaron os tinerfeños para sacar rédito en forma dun empate na última xogada do encontro.

E é que o tempo engadido foi de tolos. Primeiro co tanto de Borja Valle, co que o Dépor se adiantaba no marcador. O berciano bateu Dani Hernández cun durísimo e preciso disparo cruzado após recibir un pase en profundidade de Didier Moreno. O propio Borja Valle foi sancionado cunha falta xusto cando se facían os tres minutos de tempo engadido que marcara o cuarto árbitro. O colexiado deixou sacar a falta, na que Jorge Sáenz devolveu o empate ao marcador.

Riazor acollerá o primeiro encontro da temporada en casa o vindeiro domingo 9 de setembro, fronte ao Sporting de Gijón.

Ficha

CD Tenerife (2): Dani Hernández, Luis Pérez, Jorge Sáenz, Carlos Ruiz, Camille, Alberto (Nano, min. 46), Luis Milla, Bryan Acosta (Borja Llarena, min. 79), Joao Rodríguez (Suso Santana, min. 67), Naranjo e Malbašić.

RC Deportivo (2): Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Bóveda, Diego Caballo, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Didier Moreno, min. 63), Vicente Gómez, Carles Gil (Edu Expósito, min. 75), Quique (Pedro, min. 54) e Borja Valle.

Goles: 0-1 Quique, de penalti (min. 15); 1-1 Bryan Acosta (min. 53); 1-2 Borja Valle (min. 90+2); 2-2 Jorge Sáenz (min. 90+4).

Árbitro: Figueroa Vázquez (c. andaluz). Amoestou Alberto (min. 28), Álex Bergantiños (min. 32), Pedro Mosquera (min. 42), Joao Rodríguez (min. 43) e Bryan Acosta (min. 57).

Incidencias: Estadio Heliodoro Rodríguez López, 12.139 espectadores.

Comentarios