O Dépor regala 45 minutos e faille as beiras ao abismo

No futebol profesional está prohibido regalar nada. O Deportivo regalou ao Espanyol, que non se xogaba nada, nada máis e nada menos que 45 minutos de xogo.

Edu Expósito.
photo_camera Edu Expósito, nunha das súas intervencións durante o xogo.

Todo comezou cunha acción un tanto cómica -un central a golpear o baleiro no canto de darlle á pelota- que deveu tráxica. Co 0-1 no taboleiro de marcas, Riazor presentiu o drama. E, con moita razón e perante o desleixo apático dos seus, comezou a ruxir. Na súa comparencia post-partido, Mel diría que o 0-1 deixou groggies os deportivistas. Ben, non son alevíns nen cadetes. Son profisionais. Nada -nen sequer a conmoción após un agasallo tan xeneroso como o de Arribas- escusa a unha equipa profisional do seu comportamento durante a primeira parte. Perante tanta dávida e tanta ausencia, o Espanyol, que si estaba no campo, non tivo máis remedio que anotar o 0-2 no vídeomarcador. E aí realmente acabou todo.

Na segunda parte, a equipa saíu con outra actitude. Pareceu que o fixera máis para aplacar a ira do respeitábel do que por contrición ou produto da previsíbel bronca de Mel no intermedio. Xerou un bon feixe de ocasións -propulsado polos mellores minutos de Ola John desde que está na Coruña- deu materializado o tanto de Andone e criou a sensación de que no mínimo sería quen de empatar. Abeirou a igualada nunha cabezada de Arribas á trabe, o central sevillano a procurar a redención após a súa pifia da primeira metade. Mais o arreón inicial foi remitindo, Ola John foi perdendo azos e, embora Marlos estivo máis que notábel no relevo do holandés, as ocasións foron espaciándose até desapareceren no tramo final do xogo.

Caeu o pano sobre Riazor e o público despediu con asubíos e apupos xeralizados -os blues a berraren "Xogadores/Mercenarios"- a un plantel de futebolistas que como combo desprende un certo ar de equipa walking dead, un espectro sen alma que se despraza penosamente polo verde sen nengún plan nen propósito, como quen cumpre unha condena e só agarda a que se consuma o tempo.

Fican 6 pontos por disputar, mais a sensación que transmite o Dépor é que perfeitamente pode concluír o campionato sen sumar un só ponto máis. A salvación hoxe pasa máis polas desgrazas alleas -ou sexa, que o Sporting non sexa capaz de gañar no campo do Eibar- do que polos logros propios.

PD: No choque debutou o fabrilista Edu Expósito en Primeira División. Apontou boas maneiras na distribución da bola. Non se lle pode apór a responsabilidade de nada. Foi dos poucos que durante a primeira metade cumpriu co seu traballo. No descanso ficou no banco, relevado por Carles Gil. Pois si, incomprensibelmente Mel non aliñou de inicio Gil, neste momento un dos futebolistas con máis capacidade de desequilibrio e inventiva da equipa. Un tipo que, alén do máis, corre, o que o constitúe neste momento nunha rara avis en Riazor.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Álex Bergantiños, Arribas, Fernando Navarro, Borges, Guilherme, Edu Expósito (Carles Gil, min. 46), Emre Çolak (Fayçal Fajr, min. 82), Andone e Ola John (Marlos Moreno, min. 71).

RCD Espanyol: Diego López, Marc Navarro (Marc Roca, min. 64), Diego Reyes, David López, Víctor Álvarez, Jurado, Víctor Sánchez, Javi Fuego (Pape Diop, min. 69), Piatti (Rubén Duarte, min. 89), Léo Baptistão e Gerard Moreno.

Goles: 0-1 Léo Baptistão (min. 14); 0-2 Gerard Moreno (min. 29); 1-2 Andone (min. 47).

Árbitro: Mateu Lahoz (c. valenciano). Cartóns amarelos a Carles Gil (min. 60), Piatti (min. 78) e Víctor Sánchez (min. 81).

Incidencias: partido correspondiente á 36ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 22.803 espectadores.

Comentarios