O Dépor recobra folgos ante o Celta B

O Dépor levouse, en Riazor, o partido contra o filial do Celta nunha xornada en que se tivo que suspender o Córdoba-Racing pola parada cardiorrespiratoria dun xogador. O Lugo, en Segunda, e o Pontevedra, en Primeira RFEF, perden os seus partidos e continúan en postos de descenso directo.
Disputa de balón no partido que xogaron en Riazor o Deportivo e o Celta B (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Disputa de balón no partido que xogaron en Riazor o Deportivo e o Celta B (Foto: RC Deportivo).

A xornada de fútbol para os equipos galegos, polo paro en Primeira, centrouse nos partidos de Segunda e Primeira RFEF. Nesta última, toda a atención estaba nos encontros Córdoba-Racing e Dépor-Celta B

O primeiro destes choques  suspendeuse dez minutos despois de comezar, cando o resultado era de 1-1, por sufrir un infarto o futbolista local Gudelj. A rápida intervención dos servizos sanitarios impediu o fatal desenlace maior e os árbitros tomaron a decisión de aprazar o encontro.  

No partido de Riazor, o ambiente foi de derbi, malia que quen xogaba co Dépor era o Celta B e non o primeiro equipo. Óscar Cano xogábase o posto e o seu equipo saíu moi motivado diante duns celestes que mantiveron o desafío igualado desde o inicio.

Porén, o partido rachou pouco antes de rematar a primeira parte tras a expulsión, por dobre cartón amarelo, de Medrano e a posterior inferioridade numérica do equipo de Giráldez. Primeiro Lucas Pérez e despois, de penalti, Quiles, deixaron o marcador definitivo en 2-0. Á espera do que aconteza co encontro do Racing, a igualdade continúa na zona de ascenso. 

Lugo e Pontevedra

O Lugo ten cada xornada menos posibilidades de salvarse na Segunda División. Nesta última, contra o Cartaxena, a derrota por 2-0 no desprazamento até Murcia deixou o equipo lucense mantendo a figura de fechacancelas como último clasificado.

Os lucenses tiñan diante un equipo que levaba dúas derrotas consecutivas, mais os locais non tiveron dificultades para rachar a estrutura preparada por Íñigo Vélez neste compromiso.

Sen gañar desde decembro, o adestrador vasco do Lugo mostrouse contrariado polo resultado na rolda de prensa posterior. “Na segunda metade, tentámolo coa xente que tiñamos no campo, o bo é que xeramos ocasións e o malo é que queriamos gañar, viñamos con esa intención, e finalmente non o conseguimos". 

Un caso semellante, mais na Primeira RFEF, é o do Pontevedra. Juan Señor non saíu satisfeito do resultado contra o Raio Maxadahonda (2-1). Malia dominar o xogo, os do Lérez tiveron claros erros en defensa que permitiron que os locais se adiantaran no marcador.

Conseguiron empatar mais o Raio atopou portaría por segunda vez. O Pontevedra quedou a cinco puntos da permanencia.

Comentarios