Angustia en Riazor após a caída de Torres, que ficou nun susto

O Dépor reaprende a ser competitivo

O Dépor-Atlético contivo dúas historias. Unha, a futbolística, intensa. Outra, unha curtametraxe de apenas cinco minutos tamén intensa, a intensidade da angustia que se viviu no estadio após unha caída estarrecedora de Fernando Torres sobre a herba de Riazor. As dúas tiveron happy end. 

Deportivo-Atlético. 2 de marzo de 2017
photo_camera Torres, tombado sobre o céspede após o choque con Bergantiños

Que sensación de irrealidade se viviu no estadio de Riazor nos últimos minutos do Dépor-Atlético! Após a caída de Fernando Torres de súpeto o tempo se detivo e todo o que estaba en xogo -pontos decisivos para a equipa galega distanciarse do descenso, para a equipa madrileña non perder o tren da Champions- deixou de ter sentido. Había un ser humano deitado sobre a herba, inconsciente. Todos os futebolistas arredor. As equipas médicas. Minutos de agarda intolerabelmente longos, na procura dun aceno, de algo que dese noticia de que a cousa non ía ser fatal. Chegou o xesto cando Mono Burgos, o segundo treinador do Atlético, levantou o polgar da súa man direita. O futebolista, nunha padiola, abandonou o estadio sen recuperar o coñecimento, rumo ao hospital. Alí as probas que se lle practicaron mostraron que sofre un traumatismo cranoencefálico mais sen lesións de importancia. Ficará 24 horas en observación antes de receber a alta. Concluído o choque, recebeu a visita de Álex Bergantiños -o xogador que bateu con el antes de caer-. "Falei con el. Estaba animado. Díxome que non me preocupase, que esas cousas pasan no futebol", afirmou o mediocentro coruñés.

Fin da curtametraxe. Vaiamos ao xogo. E o xogo tróuxonos boas noticias. Un valioso ponto ante unha das equipas top do campionato. Mel apenas leva tres días na Coruña, mais as súas ideas básicas xa apareceron no escenario. Cousas prefutebolísticas tipo "hai que ser intensos o 90 minutos" ou "non hai que perder a concentración en ningún momento do xogo". Obviedades, si, mais obviedades que a equipa non viña observando nas últimas semanas. As mudanzas non foron só psicolóxicas. Mel puxo en liza futebolistas condenados por Garitano e/ou polo seu baixo rendimento tempo atrás. Foi o momento de Pedro Mosquera. Foi o momento de Fayçal. E foi o momento (nos últimos quince minutos, marcados pola queda de Torrres) de Bergantiños. Até foi o momento de Laure. En definitiva, o Dépor como grupo rememorou algúns automatismos básicos do oficio e con iso abondoulle para lle facer fronte -e para superar largamente durante no mínimo dous terzos do xogo- a unha das equipas máis potentes do campionato.

Estivo particularmente espléndido Fayçal, tanto no despregamento físico (eis os máis de 12 quilómetros percorridos) como no manexo da bola e do timing do xogo. Custa traballo encontrar argumentos que xustifiquen o seu ostracismo durante a xestión de Garitano (lembremos que o treinador vasco tamén tardou en ver que futebolista era Çolak). En todo caso, Fayçal está de volta e a súa sociedade con Çolak e Andone promete dar moitos réditos á equipa. Por esa banda, ben. Pola de Kakuta, en fin, hai que agardar a que se poña en forma, son os imponderábeis dun clube modesto que ten que lidar con recursos limitados e que pasa a vida a tentar reciclar futebolistas (alén de Kakuta, Ryan Babel ou Ola John).

AndoneO Dépor cazou un ponto face unha equipa nível Champions e se non cazou os tres é porque o Atlético dispón dun deses poucos moradores do planeta fútebol que merecen largamente o título de crack. O gol de Griezmann é o dun visionario, ou sexa, dun tipo que ve o que o resto non ve. Era moi difícil ver que Lux estaba lixeiramente adiantado. El viuno porque é un dos elixidos. Por iso o Atlético non saíu cos petos baleiros de Riazor. Porque ten un dos elixidos no seu plantel.

E como saíu o Dépor de Riazor? Pois coa autoestima recobrada, e coa sensación de que por fin hai no banco un treinador enchufado, un estratega con nervo capaz de electrificar a equipa. Falta fai tendo en conta o terrorífico calendario que agarda por diante (este domingo, Sporting de Xixón; próxima cuarta feira en Riazor, o partido aprazado no seu día polo temporal co Betis; domingo 12 de marzo na casa, face o Barcelona; e sete días despois, tamén na Coruña, #onosoderbi co Celta).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho (Laure, min. 82), Borges, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr, Emre Çolak (Álex Bergantiños, min. 76), Kakuta (Fernando Navarro, min. 54) e Andone.

Atlético de Madrid: Oblak, Vrsaljko, Giménez, Godín, Filipe Luís, Thomas, Gabi, Koke (Nico Gaitán, min. 57), Correa (Carrasco, min. 57), Gameiro (Fernando Torres, min. 65) e Griezmann.

Goles: 1-0 Andone (min. 13); 1-1 Griezmann (min. 68).

Árbitro: Clos Gómez (c. aragonés). Cartón amarelo a Andone (min. 14), Luisinho (min. 45), Godín (min. 74) e Álex Bergantiños (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 25ª xornada da Liga Santander.  20.138 espectadoras/es no estadio de Riazor.

Comentarios