O Dépor e a Real Sociedade non pasan do empate (0-0)

O Deportivo e a Real Sociedade estrearon a primeira xornada da Liga sen gol ningún, nun partido carente de ritmo. As intervencións de Lux, por parte do equipo coruñés, e de Rulli por parte do conxunto donostiarra impediron que as ocasións mudasen o marcador.

[Imaxe: @RCDeportivo]
photo_camera [Imaxe: @RCDeportivo]

Os metas arxentinos de ambos os conxuntos provocaron que o partido que enfrontou esta tarde o Deportivo coa Real Sociedade en Riazor rematase en táboas (0-0). O equipo coruñés, que comeza a Liga cun resultado positivo pero con dúbidas de colocación no terreo de xogo, non logrou realizar o primeiro disparo entre os tres paus até o minuto 44, cun balón nas botas de Mosquera, que non lograba sorprender o meta da Real. Anteriormente, Jonathas trataba de bater a Lux, primeiro cunha chilena e despois cunha vaselina.

Na segunda parte, contra o minuto 51, Borges puña a proba a elasticidade de Rulli cun forte disparo que acabou despexando o meta do equipo vasco. A continuación, probaba sorte Juanfran e no seguinte córner, Lucas lograba meter o esférico na rede, mais estaba en fóra de xogo, posición que non pasou desapercibida para o colexiado. Fayçal era o seguinte en disparar a porta cun balón interceptado por Rulli. A  partir do minuto 70, a Real Sociedade dispuxo de dúas ocasións claras por parte de Vela e Xabi Prieto, mais Lux e Lopo impediron que se movese o marcador.

Coa entrada de Fede Cartabria no terreo de xogo, o Depor gañou frescura, mais non logrou desfacer o empate final.

0 - Deportivo: Lux; Laure, Lopo, Sidnei, Fernando Navarro; Celso Borges, Pedro Mosquera; Juanfran (Fede Cartabia, m.74), Fayçal Fajr, Cani (Oriol Riera, m.63); e Lucas Pérez.

0 - Real Sociedad: Rulli; Zaldúa, Diego Reyes, Íñigo Martínez, De la Bella; Markel Bergara, Rubén Pardo; Xabi Prieto, Carlos Vela (Chory Castro, m.88), Bruma (Canales, m.85); e Jonathas.

Árbitro: Mateu Lahoz, do colexio valencián. Amoestou Zaldúa (min.9) e Markel Bergara (min.65), por parte da Real Sociedade, e a Mosquera (min.14), Laure (min.49) e Lopo (min.88), por parte do Deportivo.

Comentarios