DEPORTES

Dépor e Rácing protagonizan un derbi de necesidades

Dépor e Rácing protagonizan un derbi de necesidades

O fútbol recupera 100% da capacidade nos estadios do mellor modo posíbel, cun derbi galego entre Deportivo e Rácing de Ferrol. Sen saír da Primeira RFEF, o filial celeste suma un triunfo sen xogar ante o excluído Estremadura. Na Segunda, o Lugo recibe o Alcorcón e na máxima categoría o Celta tratará de superar o Mallorca.
O duelo da primeira volta, disputado na Malata, finalizou cun resultado de empate a cero goles. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O duelo da primeira volta, disputado na Malata, finalizou cun resultado de empate a cero goles. (Foto: RC Deportivo).

A terceira categoría do fútbol estatal torna na primeira en interese ante o derbi galego que protagonizarán hoxe en Riazor (19 horas) Deportivo da Coruña e Racing de Ferrol. Trátase dun duelo de necesidades ben diferente ao que protagonizaron na primeira volta (0-0), coa escuadra herculina instalada no máis alto da clasificación como sólido líder e a departamental axexando os postos de play-off a menos dun triunfo de distancia.

Agora, aínda que empatado a puntos cun Rácing de Santander que disputou un partido menos, o Deportivo xa non é líder logo dunha moi negativa xeira de xogo e resultados na que sumou tan só catro puntos de 15 posíbeis, mentres que neste tempo os Diaños Verdes non só non recortaron a diferenza cos postos de promoción, senón que a duplicaron.

Por iso ambos os conxuntos galegos están obrigados a sumar a vitoria se non queren continuar afondando nas súas crises e afastándose dos seus obxectivos. Non obstante, o mediocampista ferrolán Kevin Presa renuncia a toda presión e di que "é o Deportivo quen a ten, pois vén dunha mala xeira de resultados", e prognosticou que o derbi de hoxe será "un partido bonito e emocionante". 

Visión ben distinta teñen na cidade herculina, pois, tal e como salientou Jaime pese a recoñecer que o Dépor está "nunha situación nova", os xogadores branquiazuis afrontan o partido "igual que o resto, querendo gañalo e sen pensar no rival".

O adeus do Estremadura regala os puntos ao Celta B

Sen deixar a Primeira RFEF, o Celta B fíxose cos tres puntos sen baixar do autobús a costa dun Estremadura que dixo definitivamente adeus á competición logo de que o Xuíz Único de Competición decretase o seu descenso automático logo de non presentarse a xogar a semana pasada contra o Rácing de Ferrol, segunda incomparecencia logo da protagonizada en novembro de 2021 contra, precisamente, outro equipo galego, o Deportivo. Deste modo, todos os partidos que os de Almendralexo tiñan pendentes por xogar, comezando polo de hoxe ante o filial celeste, se lle dan automaticamente por gañados aos seus rivais por un resultado de 2-0.

Celta-Mallorca

Quen si entrará en acción será o primeiro equipo olívico, e máis concretamente ás 18.30 horas de mañá en Balaídos contra o Mallorca, quinto pola cola na clasificación con seis puntos menos que o Celta. Iso non significa que vaia ser un compromiso doado para os xogadores galegos, pois recentemente non puideron pasar do empate ante Levante -último- e Cádiz, antepenúltimo clasificado.

Por iso, e máis tendo en conta que os baleares poderán contar cun reforzo de calidade como é o centrocampista internacional francés Clement Grenier -ex de equipos como AS Roma  e Olympique de Lión-, fichado esta semana logo da grave lesión padecida por Íñigo Ruiz, non hai espazo para a confianza, e menos logo dos últimos tropezos que deixaron o Celta en terra de ninguén con 11 puntos sobre o descenso pero a 12 de Europa.

Lugo-Alcorcón

Finalmente, o único representante da Galiza na Segunda División, o Club Deportivo Lugo, recibe a visita dun equipo afundido no pozo da clasificación, Alcorcón, fechacancelas desde mediados de setembro con unicamente 14 puntos en 29 partidos. Mais un deses sumouno ante a escuadra albivermella, polo que os de Rubén Albés tratarán de evitar repetir os erros da primeira volta e sumar unha vitoria que podería ser vital nunha carreira pola salvación na que está moi ben posicionado a pesar de que finalizou recentemente ante o Huesca a súa magnífica xeira de máis de tres meses sen coñecer a derrota.

comentarios