Dépor e Rácing abren o 'play-off' soñando en grande

Como acontece coas estudantes nas avaliacións continuas, todo o feito até o de agora, bo ou malo, non vale de nada ante o exame final que encaran esta fin de semana Deportivo da Coruña e Rácing de Ferrol, que disputan a primeira rolda da fase de ascenso ante o Linares e o Nàstic de Tarragona, respectivamente.
O Estadio de Riazor estará ateigado para un choque que suporá o sexto 'play-off' que disputa na súa carreira o gardameta Ian Mackay. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Estadio de Riazor estará ateigado para un choque que suporá o sexto 'play-off' que disputa na súa carreira o gardameta Ian Mackay. (Foto: RC Deportivo)

Hora decisiva, encontro a vida ou morte, o partido do século... poderíamos enumerar os tópicos das hipérboles básicas do xornalismo deportivo e nunca quedarían cortas para cualificar a importancia do primeiro partido do play-off que enfronta o Dépor co Linares (sábado, 21 horas) e o Rácing contra o Nàstic, dous equipos que non pisan a categoría de prata desde 2020, no caso coruñés, e 2008, no ferrolán.

A última vez que se enfrontou a escuadra branquiazul co combinado xienense foi en 1984, con triunfo galego pola mínima (1-0). Este resultado, ou un empate, daríalle o pase a un Dépor que chega como absoluto favorito fronte un Linares que cede toda a presión ao "equipo máis forte dos 40 da Primeira RFEF", en palabras do seu técnico, Alberto González, quen criticou que a eliminatoria se vaia resolver a partido único.

Pola súa parte, o Rácing de Ferrol terá que agardar até as 18 horas de mañá para entrar en acción. Contra toda lóxica, o encontro será en Balaídos e non na Malata, a causa dos criterios asignados pola Federación para a asignación dos estadios, o que non impedirá que o coliseo celeste se tinxa de verde por un día, como anticipan as enormes ringleiras de persoas que fixeron cola pacientemente para adquirir os seus boletos e os numerosos autobuses fretados para o desprazamento.

Sobre o céspede de Balaídos os homes de Cristóbal Parralo agardan estender a súa boa xeira de xogo e resultados -só perderon un partido dos últimos 18 que xogaron- ante un Nàstic de Tarragona que será un rival incómodo, tanto, que o seu adestrador, Raül Agné, define o seu equipo como unha "mosca cojonera", ou como diríamos en galego, "como un quilo de merda nunha pestana".

Jota Peleteiro podería mercar a SD Compostela

O fútbol galego sorprendeuse esta sexta feira cun posíbel cambio de propiedade na SD Compostela. A directiva informou a través dun comunicado que "tras recibir durante os últimos oito anos non menos de 20 propostas de diferentes persoas físicas ou xurídicas para facerse cargo da xestión da entidade", das que "ningunha interesou" por non "preservar a identidade do club, os seus valores e a súa imaxe", por fin unha oferta parece ser tida en conta.

Esta chegaría, nin máis nin menos, que de Rammalloc Sports, sociedade coa que, recoñeceron, "está moi preto a fecharse o acordo". "As partes agardan que, en menos dunha semana, se produza o acordo e se inicie un proceso de transición que finalizará co nomeamento dos novos directivos da entidade". Detrás de Rammalloc Sports está o seu único socio e accionista, José Ignacio Peleteiro Ramallo, máis coñecido polo gran público como Jota Peleteiro.

Como futbolista, este talentoso mediapunta da Pobra do Caramiñal formado na canteira do Celta e con experiencia en formacións do nivel de Eibar, Alavés ou os ingleses Brentford, Birmingham e Aston Villa, aparcou a súa carreira profesional o pasado verán, levando inactivo con apenas 30 anos desde que rematou a tempada 2020/21 a pesar de contar con ofertas de equipos punteiros de Segunda División e mesmo da Primeira, chegando o rumor desde a Cidade do Turia no seu momento de que o Valencia estaba interesado na súa incorporación.

Agora, este "compostelanista, da terra, que non representa fondo de inversión ningún, sin nada que que ver con axencias de representación e que leva tempo preocupándose e ocupándose do día a día do equipo", como salienta a actual directiva da SD Compostela, está moi próximo a abandeirar un proxecto na Segunda RFEF, a cuarta categoría do fútbol estatal, nunha xogada que podería implicar o regreso aos terreos de xogo dun dos futbolistas tecnicamente máis talentosos que deu a Galiza na última década.

Comentarios