O Dépor quere prolongar a xeira triunfal ante o Girona

O Real Club Deportivo busca prolongar a sua histórica xeira de resultados no encontro de hoxe en Riazor ás 21 horas ante o Girona.

EuropaPress_2594865_Fernando_Vázquez_entrenador_del_Deportivo_de_la_Coruña_en_rueda_de_prensa
photo_camera Fernando Vázquez, adestrador do Dépor (Foto: Europa Press).

O Real Club Deportivo busca prolongar a sua histórica xeira de resultados no encontro de hoxe en Riazor ás 21 horas ante o Girona.

O seu oitavo triunfo consecutivo suporía para os coruñeses dicir adeus de forma practicamente definitiva á ameaza do descenso de categoría e, ao mesmo tempo, engancharse á loita pola sexta praza, que dá acceso ao play-off de ascenso.

Para conseguilo, Fernando Vázquez, que conta por vitorias os seus partidos no banco deportivista -seis de seis na competición liguira- non poderá contar co lesionado Beauvue, pero si cos indiscutíbeis Salva Ruíz e Sabín Merino, dúas pezas fundamentais para o técnico de Castrofeito que xa non mostran signos das lesións que viñan padecendo.

A maior ameaza para os intereses deportivistas ten nome e apelido: Christian Stuani. O dianteiro uruguaio é o mellor xogador dos xerundenses, acumulando 20 goles en 23 partidos, sendo incluso sondeado polo Barcelona como posíbel substituto do mancado Dembélé. 

O 16 de marzo saberase se Abanca se fai co clube 

O Consello de Administración do Deportivo convocou para o 16 de marzo unha Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas na que se votarán tres ampliacións de capitais que, de aprobarse, suporían que Abanca pase a controlar até o 78% dos títulos accionariais.

Entre outras, a meta do Consello presidido por Fernando Vidal, ex conselleiro con Tino Fernández, é capitalizar un crédito de 5 millóns de euros. 

De saír adiante a iniciativa suporía a fin definitiva do modelo de multipropiedade que imperou no Dépor até hai  poucos anos.

Comentarios