FÚTBOL

O Dépor quere confirmar a exhibición de Sabadell na matinal de Riazor

O conxunto coruñés recibe ao Murcia con dous centrais da canteira e que non pasan dos vinte anos e expectación pola estrea oficial como local do dianteiro Borja, autor de dous goles a pasada xornada.

Estadio de Riazor
photo_camera Estadio de Riazor

Aparentemente aparcada a tensión coa que comezou a semana despois de que os administradores concursais negaran a fichaxe do dianteiro de referencia -Álex Geijo- que pedía Fernando Vázquez, o que provocou tamén as queixas de Lendoiro, incluso dirixidas ao seu adestrador, o Dépor volve centrarse na competición, que regresa a Riazor na matinal do domingo co Murcia como rival (12.00 horas, Canal Plus).

Após o magnífico xogo amosado durante a segunda parte do encontro anterior en Sabadell (0-3) os branquiazuis pasar un exame na casa, onde aínda non coñecen a vitoria tras perder no anterior partido ante o Córdoba. A baixa do central Kaká será suplida polo canteirán Uxío, que formará xunto a Insua, nun centro da zaga galego, que non pasa de vinte anos e que o curso pasado formaba en Terceira.

Moitas miradas estarán tamén postas en Borja Bastón, chamado a ser o goleador do conxunto e que ofreceu un sensacional rendemento na súa estrea, cando marcou dous tantos. O Murcia acumula un triunfo, un empate e unha derrota nas tres xornadas disputadas e ten no dianteiro Kike o seu maior perigo.