O Dépor quere armar o Belén en Israel

Coa tranquilidade que outorga saber que conta co cómodo colchón do 5-1 do encontro de ida, pero coa lóxica desconfianza que sempre implica xogar o partido de volta dunha eliminatoria fóra da casa, os rapaces do Deportivo queren seguir facendo historia na competición análoga á Liga de Campións na súa categoría.
 
Riazor foi unha festa no partido de ida da eliminatoria contra uns visitantes que caeron goleados por un contundente 5-1.   (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Riazor foi unha festa no partido de ida da eliminatoria contra uns visitantes que caeron goleados por un contundente 5-1. (Foto: RC Deportivo).

O Xuvenil 'A' do Real Club Deportivo da Coruña xa está en Israel para enfrontarse esta cuarta feira, ás 16 horas da tarde, co Maccabi Haifa nun choque que se desenvolverá no Sammy Ofer Stadium, un recinto con capacidade para reunir máis de 30.000 espectadoras.

Non obstante, non se agarda que se reúna unha cifra nin remotamente semellante, tendo en conta que no encontro de ida disputado en Riazor o pasado día 3 de novembro congregáronse 12.189 persoas, certificando así a quinta mellor asistencia na historia do torneo.

O equipo, que está preparado polo ex lateral dereito internacional Manuel Pablo, chega a esta cita do mellor modo posíbel, após derrotar o pasado sábado no campo da Agrela o Ural (0-1), situándose así a tan só tres puntos de distancia do líder Celta no Grupo 1 da División de Honra. Entre os 18 futbolistas escollidos polo adestrador canario están varios homes que xa son habituais do filial deportivista, o Fabril, e que xa apareceron no primeiro equipo en adestramentos e partidos, casos de Dani Barcia, Juan Rodríguez, Nájera ou Mella. No extremo oposto sitúanse tres nomes que causaran baixa por ocupar xa unha posición de relevancia nos plans de Borja Jiménez, técnico do Dépor, como Yeremay, Noel e Trilli.

Sen valor duplo dos goles

A diferenza do que é habitual nas competición futbolísticas, na Youth League non impera a norma do duplo valor dos goles en campo contrario, polo que de remontar o Maccabi e finalizar a eliminatoria en empate, o arbitro determinaría inmediatamente os lanzamentos desde o punto de penalti, descartando a disputa dunha prórroga.

E, de conseguir avanzar de rolda, o Dépor accedería ao play-off, que comezará a disputarse a partido único a partir do 8 de febreiro do vindeiro ano 2022.

O Dépor Abanca levanta o voo

Logo do duro pau que supuxo o seu descenso da máxima categoría, deixando á Galiza orfa de representación na elite do fútbol feminino a nivel estatal, o Deportivo Abanca está demostrando na Segunda División que aspira a recuperar esa condición xa este mesmo verán. 

Así o demostra a clasificación do Grupo Norte da Liga, onde ocupa a segunda posición con 28 puntos en 11 partidos nos que presenta un rexistro case inmaculado de nove vitorias, un único empate e tan só unha derrota, nos que marcou 23 goles e tan só encaixou sete.

A última vítima deste furacán branquiazul foi o Rácing Féminas, que a pesar de xogar na súa casa non tivo nin unha soa opción ante unhas mulleres que gañaron 0-4, goleada que non foi quen de impedir nin o mal tempo, pois o choque comezou cun pequeno atraso a causa das intensas saraibadas que periodicamente caían sobre o campo de Santa Ana de Torrelavega.

Esta próxima fin de semana, concretamente o sábado 11 ás 17 horas, poderá intentar o asalto ao liderado, pois recibe en Abegondo o Levante, primeiro clasificado con dous puntos máis.

Comentarios