O clube non renova o contrato de Martí

O Dépor procura novo adestrador para un proxecto marcado polos recortes

Non podía continuar José Luis Martí despois do bochorno de Son Moix e o Consello de Administración do Deportivo, se ben cunha certa lentitude na toma da decisión, actuou en consecuencia. 13 partidos despois, o vestiario branquiazul está sen xefe. O Dépor procura novo adestrador para un proxecto forzosamente dimensionado á baixa. Fede Cartabia, unha das nóminas máis altas do plantel, tampouco continuará.

Martí
photo_camera Martí

Martí puxo o seu cargo en xogo en Mallorca e perdeuno. Non tanto pola eliminacion, que tamén, senón pola forma en que o seu equipo, desfalecido e sen temón, caeu en Son Moix. Os executivos da Praza de Pontevedra viron na condución do xogo por parte do treinador graves erros no despregamento dos recursos disponíbeis (inconcebíbel a dupla no medio campo Vicente-Edu Expósito) e falta de reflexos para emendar a marcha do partido (a demora en pór en circulación o pé esquerdo de Fede Cartabia).

Despexada a incógnita Martí, o clube coruñes procura agora un novo míster para unha campaña en que por vez primeira en tres décadas o Deportivo será un clube de Segunda División cos recursos propios da Segunda División. Un orzamento 50 millóns á baixa a respecto deste exercicio, segundo as estimacións do presidente Paco Zas. E un teito salarial —o diñeiro disponíbel para o plantel— que apenas superará os 9 millóns de euros, máis menos a metade do que se dispuxo esta temporada.

Nas próximas horas varias baixas van acompañar a de Martí. O vestiario 2018/2019 é insustentábel para o Dépor 2019/2020. A primeira ficha en caer é a de Fede Cartabia. Si, é o futbolista con máis talento do equipo (aínda que tamén é o máis propenso a lesións que o deixan fóra de xogo cada dous por tres), mais tamén é dos de concurso máis oneroso para a agora minguada facenda do clube. O arxentino xa foi informado de que ten que buscar equipo para a próxima temporada. Idéntica mensaxe recibirán nas próximas horas Pedro Mosquera, moi decepcionante neste curso, ou Krohn-Dehli, practicamente inédito polas súas recorrentes lesións.

E mentres se negocian os descartes irán aparecendo novas caras por Riazor. A primeira, a do central grego Vasilios Lampropoulos, de 29 anos, procedente do AEK de Atenas. Este futbolista xa fora contactado polo clube hai meses, isto é, para o aliñar na Primeira División. A operación vai avante, a pesar da redución orzamentaria prevista. Lampropoulos tampouco muda de opinión polo descenso deportivista, dado o bon cartel que a escadra coruñesa mantén aínda en Europa. Con efecto, os ecos do lendario Superdépor non se teñen extinguido totalmente.

Comentarios