O Depor pon en marcha un ERE para todo o seu persoal

O club coruñés anunciou que inicia un proceso colectivo de extinción de contratos de traballo motivado pola súa grave crise. Malia a medida poderá seguir fichando
Técnicos e xogadores na bancada de Tribuna de Riazor (RC Deportivo)
photo_camera Técnicos e xogadores na bancada de Tribuna de Riazor (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo da Coruña anunciou na quinta feira que poría en marcha un expediente de regulación de emprego (ERE) a todo o seu persoal, tamén aos xogadores e ás xogadoras. Algúns medios adiantaron o mes pasado que o club estudaba adoptar esta medida unha vez que as conversas para rescindir algúns dos contratos que tiña en vigor non tiveran aceptación entre traballadoras e traballadores.

David Villasuso, director xeral do club, comunicou nun escrito que comezaban as tramitacións para levar a cabo esta dura medida laboral na entidade. No documento sinala que será "un proceso colectivo de extinción de contratos de traballo motivado pola grave crise económica do club que exixe unha reestruturación do persoal" polo que se procederá ao "despedimento colectivo, de suspensión de contratos e redución de xornada”.

Na carta, dirixida ao persoal, informa de que, ao non existir comité de empresa, as e os empregados terán "un prazo máximo de 15 días para designar por maioría unha Comisión Representativa que participe no período de consultas do citado expediente de regulación de emprego". 

O conxunto coruñés fechou o pasado exercicio cunhas perdas de 9 millóns de euros. O seu cadro de persoal está integrado por 34 deportistas profesionais e 58 traballadoras e traballadores que están, segundo Villasuso "sometidos á relación laboral ordinaria". 

Poderá seguir realizando fichaxes esta tempada

A posta en marcha dun expediente de regulación de emprego por causas económicas non lle impedirá continuar asinando con xogadoras e xogadores para esta tempada. A lei ampara ao Depor e á maioría de clubs que se vexan obrigados a acollerse a este tipo de medidas drásticas debido ás cuantiosas perdas provocadas pola pandemia da Covid-19.

No propio club coruñés anunciaron esta mesma semana a fichaxe para o Depor Abanca feminino da futbolista María Ruíz, procedente do Málaga FC, para a tempada 2021-2022.

Esta xogadora é internacional Sub-19 coa selección española e mesmo estivo convocada para disputar a fase de clasificación para o Campionato de Europa da categoría, competición na que marcou dous goles nos partidos contra a selección de Acerbaixán e un contra a de Grecia

Comentarios