O Dépor non sabe gañar cando se ve por detrás no marcador

Segunda derrota consecutiva en Riazor (0-1, face o Murcia). Partido xemelgo ao do Córdoba. O Dépor encaixa un gol nunha xogada de estratexia e logo non sabe como negociar o asunto.

Dépor-Murcia
photo_camera Dépor-Murcia

Hai un feixe de factores que explican por que este Deportivo aínda está por estrear en Riazor. Primeiro, a equipa ten varios novatos en postos chave (hoxe, aliñou unha inédita dupla na frente da defensa, Insua-Uxío). Frescura a esgalla, si, mais ás veces falta madurez para ler os partidos cando veñen mal dadas. Segundo, todo apunta a que os resultados van depender de máis da puntería de Borja Bastón. En Sabadell estivo espléndido. Perante o Murcia, no seu debut ante a súa freguesía, o avanzado madrileño fallou de máis nos mans a mans con Casto, o soberbio garda-redes do Murcia.

O choque co Murcia foi un decalque, unha copia do encontro co Córdoba. O Murcia limitouse a despregar unha intensa presión en tres cuartas partes do campo durante os primeiros 45 minutos de xogo. Na segunda parte, despois de o Murcia cazar un gol (m. 24, Dorca) nun novo erro defensivo do Dépor á hora de defender unha falta, todos os visitantes colocáronse detrás da pelota, tres fileiras de morcegos prestos a se penduraren da trabe da súa baliza. Non é casual que os mellores momentos do Deportivo chegaran na primeira metade, cando máis se despregou o Murcia ao longo de todo o campo e, por tanto, máis metros separaban o seu home máis avanzado do seu gardamallas. Cando a equipa visitante se achicou, e os espazos comezaron a brillar pola súa ausencia, a produción ofensiva do Depor caiu en picado.

No debate Lendoiro-Fernando sobre se hai que exixirlle a este Deportivo o ascenso xa, a bancada está claramente co de Castrofeito.

Aínda é cedo de máis para tirarmos leituras talvez precipitadas, mais dá toda a impresión de que este Dépor prefire o contra-ataque ao ataque posicional e estático fronte defensas ultra-fechadas. Isto explicaría o seu comportamento bifronte. Implacábel lonxe de Riazor (0-1 en Las Palmas, 0-3 en Sabadell) e romo e languido na casa (0-1, face o Córdoba e o Murcia).

Outro elemento adicional para a reflexión de Fernando Vázquez: a equipa acusa unha preocupante falta de carácter cando se ve por debaixo no taboleiro de marcas. Até o de agora, sempre que encaixou o primeiro golpe findou por perder o xogo.

Riazor estivo, como sempre, combativo e acarón da equipa, tamén moi comprensivo na hora da derrota. No debate Lendoiro-Fernando sobre se hai que exixirlle a este Deportivo o ascenso xa (o treinador é muito máis prudente do que o presidente e pensa máis nun proxecto a medio prazo), a bancada está claramente co de Castrofeito.

Comentarios