2-2

O Dépor non logra fechar a permanencia en Pamplona

O Deportivo perdeu a ocasión de confirmar a permanencia en Primeira División no Sadar (2-2), onde non logrou superar o fechacancelas e onde amosou os seus defectos habituais.

Dibujo

Era unha ocasión inmellorábel para confirmar a permanencia na máxima categoría da Liga, mais o Deportivo non foi quen de superar o Osasuna e trouxo para A Coruña tan só un punto do empate. Os coruñeses sitúanse agora a oito puntos sobre a zona de descenso que marca o Sporting de Gijón a falta de tres xornadas de competición.

Foi o conxunto local, que certificaron o descenso entre semana e que contaba con 11 baixas, quen abriu o marcador no minuto 4 grazas a un gol do colombiano Steven Mondragón. O Dépor non tardou en reaccionar e no minuto 17 Guilherme meteu o esférico de cabeza ao fondo das mallas locais.

Cando se aproximaba o descanso, o Deportivo gozou dunha oportunidade cunha vaselina de Juanfran que bateu no pau. Xa no minuto 70 os de Pepe Mel viron premiada a súa insistencia cando de novo Guilherme marcou o segundo gol após a asistencia de Albentosa.

O 1-2 dáballe aos coruñeses a salvación matemática, que só lle durou 8 minutos. Tras un córner, Oier intentouno no primeiro pau e no segundo Juanfran introduciu o esférico en propia porta cando trataba de evitar o remate de Sergio León. No minuto 90, Fernando Navarro sacaba sobre a mesma liña de gol un balón que Kenan Kodro rematou desde o chan, cun Lux xa superado.

A próxima oportunidade do Deportivo será en Riazor, o próximo domingo, fronte ao Espanyol.

O descontento da afección co equipo coruñés segue a comprobarse nas redes sociais. Os Riazor Blues escribían en Twitter "As ratas son as primeiras en abandonar o barco. Xogadores Mercenarios!" e reclamaban "limpeza total no clube xa".

CA Osasuna: Sirigu, Aitor Buñuel (Javier Flaño, min. 77), Oier, Steven Mondragón, Fuentes (Álex Berenguer, min. 23), Clerc, Fausto Tienza (De las Cuevas, min. 77), Čaušić, Roberto Torres, Kenan Kodro e Sergio León.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Bruno Gama (Ola John, min. 62), Emre Çolak (Carles Gil, min. 78), Luisinho (Marlos Moreno, min. 88) e Andone.

Goles: 1-0 Steven Mondragón (min. 4); 1-1 Guilherme (min. 18); 1-2 Guilherme (min. 70); 2-2 Juanfran, en propia meta (min. 78).

Árbitro: Hernández Hernández (c. Las Palmas). Tarxeta amarela a Guilherme (min. 2), Aitor Buñuel (min. 13), Oier (min. 17), Albentosa (min. 75) e Arribas (min. 90+2).

Comentarios