Acordo ao fío das 24 horas: o Depor evita o descenso á Segunda B

Acordo ao fío das 24 horas. O Deportivo evita así o descenso á Segunda B e conxura o risco da súa eventual desaparición. Poucos minutos antes das 24 h, o acordo permitiu que o clube fixese efectivo o pagamento aos futbolistas da primeira equipa de parte dos salarios pendentes. "Non imos asinar a nosa sentenza de morte. Aquí non vai haber un golpe de Estado", dixo Lendoiro após ser apupado por un grupo de seareir@s dos que, dixo, non representan "a maioría" da afeizón.

Ao fío das 22.36 horas, o Deportivo pendurou na súa web un comunicado suscrito conxuntamente coa Liga de Fútbol Profesional, a Asociación Futbolistas Españoles e o plantel de futbolistas da primeira equipa.

O Deportivo salvou así o primeiro match ball, após un acordo selado logo dunha maratoniana negociación entre a Liga de Fútbol Profesional, a Asociación de Futbolistas Españois, o plantel de futbolistas da primeira equipa e o actual consello de administración.

Segundo o comunicado, neste momento "só fica pendente de abono as cantidades xeradas contra a masa e das que debe facer cumprido pago antes das 12 horas da noite do 31 de Xullo de 2013".

O pagamento realizouse por fin despois dun acordo in extremis co administrador concursal, minutos antes de que expirase o prazo límite das 24 horas. De non se ter feito a transferencia, o Deportivo tería descendido automaticamente á Segunda División B, o que na práctica significaría a liquidación da sociedade.

As dúbidas agora son basicamente dúas. Primeira, que vai pasar con Lendoiro. Distintas fontes informan de que os acreedores, basicamente Novagaliciabanco, condiciona a asinatura dun convenio a que o presidente do Deportivo abandone a entidade como moi tarde no mes de Decembro. Segunda, como se vai materializar o convenio e que quita aceitarán os acreedores.

Lendoiro foi notoriamente apupado por un centenar de seareiras e seareiros cando saiu á rúa após a conclusión da negociación -que se verificou nun escritorio de advogados, nos céntricos Cantóns coruñeses- e se viu obrigado a dar marcha sobre os seus pasos e se acubillar no despacho en que se selou o acordo. Atendeu entón á imprensa no vestíbulo do edificio e enviou mensaxes clarísimas. "Nós" (dixo en alusión a el e ao resto de membros do consello de administración) "non imos ser unha rémora para o clube, pero non se poden facer cambios a 10/15 días do comezo da liga", engadiu. "Somos responsábeis da débeda, pero tamén dos éxitos que se conquistaron durante 25 anos. Non imos asinar a nosa sentenza de morte. Aquí non vai haber un golpe de Estado. Marcharemos cando deixemos o clube saneado", alegou.

Comentarios