O Dépor gaña e gavea até a terceira posición, mais cun xogo nada satisfactorio

Vitoria sen brillo en Riazor, con goles de Marchena -em semi-chilena, nunha acción a balón parado- e o canteirán Luís.

depor
photo_camera Momento do primeiro gol deportivista

Nada sustancial mellora en Riazor nos aspectos chaves do xogo. Apenas hai desbordamento polas bandas, Borja é un robinson nunha illa deserta, Rudy peléxase tanto co balón (cuxo control se lle resiste por veces) como coas pernas dos contrarios, as bancadas desesperan cos centros de Manuel Pablo (foi incapaz de pór un só con xeito na área madridista) e só Culio acerta a provocar conatos de incendio na zaga rival. Xa é hora, polo demais, de que JuanDo se espila e abandone certa timidez contemplativa que o lastra a el e a unha equipa que del tanto depende.

Certo é que as fortalezas da equipa de Fernando se manteñen. O Deportivo voltou a sumar unha nova xornada sen conceder un só gol. No que levamos de campionato, 12 capítulos, o combo galego só encaixou 7 goles (5 deles en accións a balón parado). É co Barcelona a equipa menos goleada da elite do fútebol estatal.

O Real Madrid Castilla, unha equipa de escasísimo empaque, non inquietou o máis mínimo a Lux. O seu traballo básico foi coser a patadas a Culio e entorpecer a un Rudy que en ocasións dá toda a impresión de que non necesita moita axuda, de que é perfeitamente capaz de atrapallarse só. Até tivo o detalle de se deixar expulsar a un fubolista ao comezo da segunda metade. Pouco fútebol ofereceu o filial branco, máis alá dun bon toque de pelota nalgúns dos seus máis cualificados elementos. Moi pouco para engaiolar a Ancelotti, certamente.

Xa é hora de que JuanDo se espila e abandone certa timidez contemplativa

Frente a iso, o Deportivo só foi quen de chutar dúas veces entre os tres paus. As dúas foron gol. Dúas dianas de dous suplentes. Un Marchena que deixou boas sensacións na súa estrea como titular e un Luís Fernández que nos poucos minutos que estivo sobre o relvado mostrou máis capacidade para se oferecer ao resto da equipa do que un desligado Borja Bastón.

En definitiva, o mellor, os 3 pontos, a segunda vitoria do Dépor na casa no que vai de campionato. A equipa coruñesa é terceira, con 20 pontos, a 1 do Lugo e a a 6 do líder Recreativo, precisamente o próximo rival da equipa de Fernando.

Deportivo: Lux; Laure, Marchena, Insua (Kaká, m. 44), Luisinho; Álex Bergantiños, Juan Domínguez; Rudy (Núñez, m. 59), Culio, Luisinho; y Borja (Luis Fernández, m. 84).

Real Madrid Castilla: Pacheco; Llorente, Pulido, Cabrera, Casado; Benavente (Jaime, m. 61), Omar Mascarell, José Rodríguez, Lucas Vázquez (Rozzi, m. 74); Burgui (Quini, m. 51) y De Tomás.

Goles: 1-0, m.14: Marchena. 2-0, m. 92: Luis Fernández.

Comentarios