O Dépor ficha Álvaro Vázquez, consciente de que non lle poden pedir os números de Lucas

Dianteiro de 25 anos, a súa traxectoria, prometedora nos seus inicios, ten ido de máis a menos. Algunhas fontes cifran o seu traspaso en arredor de dous millóns de euros. O Dépor non deu oficialidade á fichaxe.

Álvaro Vázquez, novo xogador do Deportivo
photo_camera Álvaro Vázquez, novo xogador do Deportivo

Gaikza Garitano, o treinador vasco que dirixe esta temporada o Deportivo, esclarecía esta terza feira nunha entrevista en Radio Coruña que sería inxusto pedirlle ao dianteiro que eventualmente viñese substituír Lucas Pérez que reeditase as estatísticas que este acreditou no último curso coa equipa (17 goles, 8 asistencias).

“Non imos poder traer un futbolista top. Lucas está neste momento no Arsenal. Con iso dise todo. A ningún futbolista que poidamos fichar agora lle podemos pedir os números de Lucas. O seu traballo haberá que facelo entre todos”, afirmou Garitano.

Poucas horas despois o Deportivo facíase co concurso de Álvaro Vázquez, futbolista de Badalona criado na canteira do Espanyol e cunha fugaz e exitosa traxectoria nas categorías inferiores da selección española (foi o máximo goleador do mundial sub-20 realizado en 2011). Posteriormente recalaría no Getafe, onde asinou un par de bons cursos, e tivo a súa aventura na Premier. A súa pasaxe polo Swansea, cedido no exercicio 2013-2014, non se viu coroada polo suceso. 

Álvaro Vázquez asina por catro temporadas e ten claramente perante si a oportunidade de relanzar a súa carreira

Esta temporada ía xogar na Segunda División, outravolta nas filas do Getafe, equipa do que o resgata agora o Deportivo.

Álvaro Vázquez asina por catro temporadas e ten claramente perante si a oportunidade de relanzar a súa carreira. Será o segundo punta nato da equipa, polo que disputará a titularidade ao romanés Andone.

Non hai aínda confirmación oficial da fichaxe, mais a cifra polo traspaso do futbolista apunta os 2 millóns de euros.

Comentarios