Lucas, traspasado ao Arsenal por 20 millóns

O Depor fica sen o seu xogador franquicia

Os clubes galegos perden esta temporada os seus estandartes. Primeiro foi Nolito rumo ao Manchester City de Guardiola por 18 millóns de euros que ficaron na caixa do Celta. Agora é a quenda de Lucas Pérez, vendido ao Arsenal por 20 millóns, dos cais só 10,5 irán directamente ás arcas deportivistas.

[Imaxe: RCD] Lucas Pérez, no partido contra o Betis
photo_camera [Imaxe: RCD] Lucas Pérez, nun partido contra o Betis

Lucas Pérez estaba chamado a liderar unha nova etapa na historia do Deportivo, mais a súa viaxe branquiazul foi efémera, apenas dúas temporadas, a primeira, alén do máis, reducida a meio campionato por culpa dunha grave lesión nun xeonllo. 

Lucas marcha porque o Deportivo continúa a ser un clube afogado polas débedas e que non está en condicións de ofertar condicións económicas vantaxosas para futbolistas da súa calidade. Perde o Dépor algo máis que un xogador, perde un símbolo, a alma da equipa nas últimas dúas temporadas. 

Non é o futbolista galego de maior calidade que pisou o céspede de Riazor nas últimas décadas, honra reservada a Fran González Pérez, mais si é o que máis carácter, máis determinación gañadora, ten mostrado. Tanta que chamou a atención de equipas de filosofías tan distintas como o Everton inglés ou o Fútbol Clube Barcelona. Finalmente será o Arsenal de Wenger, a máis europea das escadras inglesas, o que conte cos seus servizos. En Londres Lucas verá cumprido o seu soño de disputar a Champions.

Lucas marcha porque o Deportivo continúa a ser un clube afogado polas débedas e que non está en condicións de ofertar condicións económicas vantaxosas para futbolistas da súa calidade

A operación sáldase co pagamento da cláusula de rescisión do futbolista, por valor de 20 millóns de euros. Desa cantidade 6 irá ao PAOK de Salónica, que retiña parte dos dereitos do futbolista, e 14 ao Deportivo. Mais o ingreso para o Deportivo non será neto, porque 3,5 millóns irán a pagar a débeda que a entidade ten contraída coa axencia tributaria. Portanto, o beneficio para as arcas branquiazuis será de 10,5 millóns.

O traspaso de Lucas permite ao Deportivo financiar a compra dos dereitos sobre Sidnei, o central brasileiro pretendido polo Valencia. O clube levantino formalizou unha oferta polo defensa por valor de 10 millóns de euros. O Dépor exerceu perante o Benfica -dono até agora do xogador- o dereito de tanteo e, portanto, faise coa propiedade do central.

Pagará 6,5 millóns de euros en catro prazos. Os 3,5 restantes xa os desembolsara cando incorporara o futbolista, autor de 17 dos 41 goles do Deportivo a pasada tempada.

Portanto, o Deportivo ten aínda remanente para procurar no mercado, até o 31 de agosto, un punta que feche o plantel. 

Comentarios