O ENCERRAMENTO SERá SIMBóLICO, DURANTE OS DOUS PRóXIMOS PARTIDOS

O Dépor fecha a bancada dos blues e pide que se deteña os autores do "asasinato”

O Consello de Administración do Deportivo, reunido esta terza feira na sede da Praza de Pontevedra, acordou o encerramento simbólico e provisorio, durante os dous próximos partidos, de Maratón Inferior, a zona do estadio que ocupan os riazor blues. O Dépor demanda ás autoridades celeridade nas investigacións para deter “os responsábeis do asasinato” e para que o “crime” non quede impune.

blues

Maratón Inferior estará simbolicamente baleiro no estadio de Riazor os dous próximos partidos oficiais da equipa galega, a disputar face o Málaga esta quinta feira (20 horas) e o próximo sábado (22 horas). Trátase dun encerramento simbólico e provisorio, co que o Deportivo quer patentizar a súa repulsa perante a violencia. Nos próximos días, hase de informar desde o clube da praza de Pontevedra sobre o operativo de reubicación das socios e das socias deportivistas afectados por esta decisión.

O anuncio foi realizado polo presidente do clube, Tino Fernández, ao termo da reunión do Consello de Administración. Leu un comunicado durante dous minutos perante a imprensa, mais non admitiu perguntas. No seo do consello de administración, nas horas previas á súa reunión, non existía consenso sobre como xestionar este asunto. Aparentemente, a decisión de ir a un encerramento simbólico e provisorio, só dous partidos, ten o aspecto de ser unha solución de compromiso.

Non fican aí os símbolos. O Deportivo quer que o partido do vindeiro sábado sexa unha manifestación masiva contra a violencia no fútbol. Por iso convida a toda a cidadanía a encher Riazor, até o ponto de que se poñerán entradas a un prezo simbólico, só 1 euro. Tamén haberá, ao comezo do xogo, un minuto de silencio. O Deportivo pide respeito á intimidade da familia de Jimmy, cuxo funeral se verificará esta tarde: “Estes días están a ser moi complicados para unha familia coruñesa que perdeu a un ser querido e á que, desde o Real Clube Deportivo, queremos enviar o noso apoio”.

Asasinato e crime

O Deportivo non ten dúbidas sobre como cualificar a morte do seareiro deportivista. Fala de asasinato e de crime: “Exiximos ás autoridades que non descansen até deter os responsábeis do asasinato do domingo en Madrid, para este crime non ficar impune”. 

O Dépor exixe ás autoridades que "non descansen" para "este crime non ficar impune"

Tampouco quer deixar dúbidas o Deportivo sobre a súa actitude nos días previos ao match. Contra o dito polo secretario de Estado de Seguridade, Francisco Martínez Vázquez, quen afirmou que non existían indicios que fixesen prever que o xogo fose ser de alto risco, o presidente deportivista enfatizou que o clube se puxo en contacto “co coordenador de seguranza da Policía na Coruña, a mediados da semana pasada” para comunicar que tiñan constancia de que ía haber desprazamento de blues a Madrid.

A pasada quinta feira, a policía enviou un correo á Comisión Anti-Violencia en que informaba do deslocamento a Madrid dos blues, segundo revelou onte o secretario xeral do SUP na Galiza, Roberto González. Ese mesmo día, e pasando por alto esta alerta, Anti-Violencia declarou o partido de baixo risco. E que significa iso? Que apenas se despregaron 160 policías e que estes só estiveron sobre o terreno por volta das 10 horas, isto é, 2 horas antes do comezo do xogo, cando os blues chegaron a Madrid ás 8.30. Cando apareceu en escena o dispositivo policial, xa todo tiña acontecido.

Atlético de Madrid di que vai expulsar o Frente Atlético

Miguel Ángel Gil Marín, conselleiro delegado do Atlético de Madrid, anunciou que o club madrileño expulsará das bancadas do seu estadio os radicais do Frente Atlétic. "Unha cousa é expulsar e outra moi diferente disolver. Hai uns días preguntábanme se iamos a disolver a peña. Non son quen para iso, o que imosfacer é expulsar á peña do Vicente Calderón", dixo Gil.

Comentarios