1-1

O Dépor estrea o ano cun empate ante o Espanyol

Celso Borges adiantou o conxunto de Gaizka Garitano na segunda metade no RCDE Stadium. Porén, catro minutos despois o seu gol era neutralizado polo tanto do Espanyol. Os branquiazuis traen para a casa un tanto que non os afasta da zona de descenso.

662x372a_0700053020170106_cronica
photo_camera [Imaxe: RCD]

Deportivo e Espanyol abriron o 2017 na Liga cun empate que non satisfai ningún dos dous conxuntos. Durante a primeira parte, foi o equipo local quen controlou o esférico, con tres ocasións de gol. O Depor non logrou disparar até o minuto 37, cando Joselu provocou unha falta ao bordo da área que Emre Çolak mandou á barreira.

O partido gañou en intensidade no segundo tempo. Aínda que o Espanyol foi o primeiro en ameazar, os homes de Gaizka Garitano estrearon o marcador. Borges cabeceou un saque de esquina para lle dar a alegría, efémera, ao conxunto de deportivistas. E é que tan só catro minutos após, un erro no despexe de Sidnei deixaba o balón a tiro para que Gerard Moreno marcase o 1-1.

A partir de aí, os locais buscaron con afán o gol da vitoria e gozaron de máis oportunidades que o Dépor. No tempo de compensación a piques estivo o Espanyol de anotar un tanto. Jurado lanzou unha falta ao pau e o rexeite foi dar aos pés de Javi Fuego, quen, para sorte dos coruñeses, non deu controlado o balón.

Este empate sitúa o Dépor con 17 puntos, cinco por riba da zona de descenso.

RCD Espanyol: Roberto; Víctor Sánchez (Óscar Duarte, min. 84), David López, Diego Reyes, Aarón, Javi Fuego, Jurado, Hernán Pérez (Melendo, min. 75), Salva Sevilla (Caicedo, min. 75), Piatti e Gerard Moreno.

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Bruno Gama (Luisinho, min. 85), Borges, Guilherme, Emre Çolak, Joselu e Andone (Borja Valle, min. 90+2).

Goles: 0-1 Borges (min. 59); 1-1 Gerard Moreno (min. 63).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (c. vasco). Expulsou Juanfran, por dupla amoestación (min. 90). Tarxeta amarela a Juanfran (min. 17), Guilherme (min. 24) e Salva Sevilla (min. 27).

Comentarios