O Dépor esperta a tempo e saca un empate nas Palmas 

Unha gran acción de Emre Çolak e de Andone puxo as táboas nun encontro que se complicara para o equipo coruñés. Nos últimos minutos, cun xogador máis, buscou sen éxito a vitoria.

deportivo
photo_camera (Foto: RC Deportivo)

O Deportivo conseguiu un traballado empate na difícil visita a Las Palmas. O conxunto galego igualou o marcador na segunda parte grazas ao talento do turco Emre Çolak, que imaxinou un pase en profundidade para que Andone definira con precisión na meta canaria. Terceiro empate consecutivo dos coruñeses en Liga contra un rival que non coñece a derrota no seu estadio.

O conxunto local dominou a primeira parte, onde o Dépor foi incapaz de xerar perigo malia a aposta de Gaizka Garitano, que saíu con dous puntas, e pese as numerosas baixas dos insulares. Nun erro defensivo dos galegos chegou o gol de Mateo García, no minuto 13. O equipo canario dispuxo de ocasións para aumentar a vantaxe pero chegou o descanso cunha vitoria pola mínima. 

Foi na segunda cando o Deportivo espertou. O cambio de posición de Emre Çolak, que pasou a súa posición natural no centro, non tardou en facer efecto. Unha recuperación en campo propio acabou nos pés do xogador turco que conectou maxistralmente con Florin Andone, para que este sumara o seu sétimo gol no que vai de temporada e puxera as táboas no marcador. 

A falta de poucos minutos para o remate do encontro, a expulsión do canario Aythami Artiles animou o Dépor a buscar os tres puntos. Mais os coruñeses non conseguiron sacar rédito da súa vantaxe numérica. Garitano recoñecía en rolda de prensa posterior que no primeiro tempo saíran “durmidos” pero que a reacción da segunda facía “xusto” o empate “nun campo difícil onde non gañou ninguén”. 

Ficha técnica

UD Las Palmas (1): Javi Varas, Michel Macedo, Lemos, Aythami Artiles, Hélder Lopes, Montoro, Roque Mesa, Vicente Gómez, Momo (Tana, min. 80), Livaja (El Zhar, min. 85) e Mateo García (Benito, min. 89).

RC Deportivo (1): Tytoń, Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Emre Çolak, Guilherme, Borges, Luisinho (Marlos Moreno, min. 80), Joselu (Óscar Pinchi, min. 90+2) e Andone.

Goles: 1-0 Mateo García (min. 13); 1-1 Andone (min. 69).

Goles: Fernández Borbalán (c. andaluz). Expulsou Aythami Artiles, por dobre amonestación (min. 77). Cartón amarelo para Aythami Artiles (min. 72) e Joselu (min. 90+1).

Comentarios