O Dépor durou 20 minutos no Camp Nou

No Camp Nou mentres estás vivo xogas un partido. Cando estás morto o partido é outro. O Deportivo durou 20 minutos e nese tempo ofereceu unha boa imaxe. Todo acabou co primeiro gol do Barcelona. 

Sidnei
photo_camera Momento da substitución de Sidnei

Nos primeiros 20 minutos, a organización da pizarra de Garitano funcionou e o Dépor até foi quen de enfiar algunha xogada a varios toques. Parecía solvente a zona de atrás, cun Laure convertido na sombra de Neymar e Sidnei reinando sen apuros no territorio central. E o trivote do centro do campo non só freaba os embates cataláns, senón que até se aventuraba en algunha incursión ofensiva. Non ten má pinta Guilherme na condución da pelota e Mosquera lembrou por momentos a súa mellor versión da pasada temporada. Arriba, Çolak caracoleaba coa bola e Andone incordiaba todo o que podía a Piqué e cia.

Mais todo mudou no minuto 20. Unha parva perda da bola por parte de Navarro foi habelenciosamente aproveitada por Rafinha. Pase a Luís Suárez e, visto e non visto, a bola outra volta nas botas do fillo de Mazinho. Todo potencia, disparou a queimarroupa. 1-0 no taboleiro de marcas.

A cousa apiorou apenas oito minutos despois. Após bater con ese tren de mercadorías chamado Luís Suárez, Sidnei pediu o cambio, visibelmente mancado no tórax. Sen o brasileiro, a zaga coruñesa impón moito menos. O árbitro, alén do máis, resolveu interpretar o papel de xuíz caseiro no campo do grande. Non viu un clarísimo fóra de xogo de Piqué e Rafinha non pediu permiso para aproveitar a bola rexeitada por Lux para asinar o 2-0. Era o minuto 36.

Os 54 minutos restantes apenas teñen historia. Laure foi expulso do campo no minuto 64, sete despois de Messi facer o 4-0. E Lux a pouco máis lle dá as grazas a Alcácer por ter fallado varias ocasións clarísimas face o arco deportivista. Eran os minutos do lixo e o resultado ben puido ser máis avultado. A bon seguro que a esa altura Garitano xa tiña máis a mente en Balaídos do que no Camp Nou.

Comentarios