O equipo galego saiu ao campo con forza e certo xeito. Un par de oportunidades estiveron a piques de se transformar en gol, como a de Lucas no minuto sete. Mais a maldición que paira sobre os branquiazuis volveuse facer presente: o Eibar atinou na súa primeira chegada a meta, obra de Takashi Inui apenas transcorridos 11 minutos de xogo.
A partir dese intre, o partido mudou de ritmo. Os coruñeses practicamente se borraron e o Eibar rebaixou perfil. Á media hora, Andone enviou o balón ao pau. Foi un presaxio, xa que tres minutos máis tarde, un remate de cabeza do mesmo Andone bateu no porteiro dos vascos e serviu de empate para o Dépor.
Mais ao pouco sucedeu o episodio determinante: o árbitro amosou o cartón vermello directo a Koval por unha falta fóra da área. Dez xogadores fixeron sufrir ao Deportivo, que aturou malamente o control do Eibar, efectivo durante toda a segunda parte.
Os coruñeses sumaron finalmente un punto e teñen 19. A situación dos de Clarence Seedorf segue a ser de emerxencia, segundos polo final da táboa.
Ficha técnica
Deportivo: Koval, Bóveda, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Borges, Muntari (Krohn-Dehli, min. 81), Lucas, Emre Çolak (Rubén, min. 43), Adrián e Andone (Bakkali, min. 85).
SD Eibar: Dmitrović, Rubén Peña, Lombán, Arbilla, Cote, Dani García, Diop (Kike García, min. 60), Inui (Iván Alejo, min. 74), Joan Jordán, Orellana (Pedro León, min. 27) e Charles.
Goles: 0-1 Inui (min. 11); 1-1 Dmitrović, en propia meta (min. 33).
Árbitro: Jaime Latre (c. aragonés). Expulsou Koval (min. 39) con cartón vermello. Cartón amarelo para a Rubén Peña (min. 64), Cote (min. 78) e Sidnei (min. 89).