O Dépor cede tres pontos en Riazor e perde Joselu para os próximos meses

Unha entrada durísima de Raúl García a Joselu deixará o Deportivo sen o concurso para os próximos meses do dianteiro que fichou este verán para encher o oco deixado por Lucas Pérez.

Joselu
photo_camera Joselu, no momento de abandonar o céspede

O pior da terceira xornada do campionato para o Deportivo non foi ceder tres pontos na casa face o Athletic de Bilbao, senón o parte de baixas ao termo do xogo. A principal, a do dianteiro Joselu. Deixou boas vibracións nos apenas 19 minutos en que se moveu polo céspede. Mais foi cazado nunha acción extemporánea e sen sentido, fóra de zona de perigo, por Raúl García. A lesión, pendente aínda de probas médicas, con sospeitas de afectación dun ligamento do xeonllo, é grave e porá o futbolista nas bancadas para os próximos meses.

Sidnei tamén se viu obrigado a abandonar o relvado, xa no segundo tempo, desta volta por un golpe que o manterá fóra de combate durante no mínimo as tres próximas xornadas.

E se abandonamos a enfermaría, que nos atopamos? Pois un Deportivo que cedeu tres pontos ao encaixar o único disparo entre os tres paus do Athletic en todo o xogo. Unha obra de arte, iso si, un chut de media distancia que se incrustou na portería coruñesa por toda a escadra esquerda. Lux non puido facer nada. Foi un lóstrego o disparo. Unha iluminación na noite riazoreña. E o autor desta beleza foi o mesmo responsábel da cruel entrada a Joselu. Raúl García. Así é este deporte, mestura todo o bon e todo o mau da condición humana. Talvez por iso exerza unha atracción tan irresistíbel nas masas.

O Deportivo non xogou un mal partido. Tivo, si, un problema básico: a súa zona de criación apenas criou nada

O Deportivo non xogou un mal partido. Tivo, si, un problema básico: a súa zona de criación apenas criou nada. Non hai ninguén que poña un último pase con xeito. Mosquera ten de entrar moito máis en xogo. Cando non o fai, o xogo entúpese e desemboca nun beco sen saída. Algo falla cando ten de ser Albentosa quen pon a bola a circular desde atrás. Este rapaz ten envergadura de pivot e por alto é infranqueábel. Mais, poñámonos como nos poñamos, nen é Beckenbauer nen é Koeman. O Dépor existiu, si, polas bandas, con boas prestacións nos centros de Luisinho e Juanfran. O mau é que a zaga vasca por alto é das mais dificilmente batíbeis do campionato.

E Andone? Pois estivo resultón, con moitas vontades de agradar. Foi o principal problema para a zaga vasca e, despois de desbaldir dúas boas ocasións ao longo do partido, marcou, si, no tramo final do encontro, mais o árbitro anulou a acción ao sinalar un fóra de xogo que só existiu na súa imaxinación. Foi no tramo final do encontro. Si, o árbitro que non expulsou Raúl García por ter lesionado de gravidade a Andone impediu que o Deportivo no mínimo empatase o xogo ao negar validez a un gol legal. That´s life.

Comentarios