O Depor suma un ponto en Sevilla que pode valer a permanencia

O Depor cazou un ponto nun campo difícil e perante unha equipa desas que che enlean a vida en calquer momento. Un enorme gol de Riki, a seguranza de Aranzubia e o temple de Juan Domínguez foron o mellor da escadra de Fernando.

Betis Depor
photo_camera Betis Depor

O Deportivo dispuxo un moi aseado libreto nos primeiros 20 minutos de xogo. Circulación. Pausa. Ritmo xusto. Balóns aos espazos. E aceleración cando compría. Aí apareceu Riki, nunha carreira con gol que tería asinado Messi. Un longo sprint de 30 metros en solitario. Un dribling á beira da área. Un zapatazo seco. Un gol enorme.

Passing game mediante, o Deportivo anestesiou o Betis durante eses 20 minutos até que unha interrupción -o amago de lesión de Pizzi, producido ao tentar culminar unha nova contra- cortocircuitou o xogo dos galegos e acordou o combo treinado por Mel. O Betis aborrece a calma. É unha equipa eléctrica, de idas e voltas. Se o fútbol se embravecía, se se rachaba a harmonía no centro, se se desataba a treboada, os de Fernando o ían pasar moi mal. E así foi. O Betis encadeou varias chegadas polos flancos, máis polo dereito, e Aranzubía voltou a reivindicarse como o que é, peza basilar da equipa.

Mas na intertroca de golpes o Deportivo tamén levantou a voz. Chegou con clareza en 2 ou 3 lances e outravolta Riki, desta volta por banda esquerda, abeirou o 0-2. Mágoa que escorase de máis a posición, premido por un zagueiro rival, e perdera ángulo á hora de focar a baliza, a portería bética.

Juan Domínguez medra a ollos vistos e cada día ten máis hierarquía

No segundo acto, o cambio de decoración foi abrupto. Desapareceu o fútebol control. Prevaleceu a desorde. O barullo. O balón aéreo sobre a circulación arrente do relvado. O Betis comezou a se achar cómodo. Sen noticias de Valerón. Si, en troca, de Juan Domínguez, que medra a ollos vistos e cada día ten máis hierarquía. Co descontrol chegou o gol do Betis, o 1-1, nunha acción que deixou espidas as deficiencias de Kaka, demasiado contemplativo perante Jorge Molina.

Cando o fútebol é menos asociativo, o Deportivo sofre máis, especialmente cando se van acumulando os minutos e o chumbo nas pernas. Houbo momentos en que deu a impresión de que ao combo de Fernando lle faltaba osíxeno. O Betis estaba máis inteiro, mas bateu cun pequeno problema: este Deportivo xa non é o dos dous primeiros terzos do campionato, xa non concede tantas opcións de gol, é unha equipa máis compacta. Acertou Fernando nos trocos. A defensa comeza desde a vangarda e Nelson Oliveira achegou oxíxeno.

O 1-1 coloca a equipa coruñesa con 31 pontos, 1 por enriba da liña de salvación. Sexto choque consecutivo sen perder. Dos últimos 18 pontos en xogo, o Deportivo obtivo 14. Un rexisto espectacular. Fican 5 xogos por diante. Como costuma dicer o treinador de Castrofeito, aínda non hai nada gañado.

Comentarios