EIBAR-DéPOR (1-1)

O Dépor abóase ao empate e segue a acariciar a salvación

O empate contra o Eibar valeulle ao Deportivo a marca histórica de empates nunha mesma temporada da Primeira División. Con este resultado (1-1), os coruñeses seguen a acariciar a permanencia na máxima categoría.

laliga
photo_camera [Imaxe: La Liga]

Co empate da noite do sábado fronte ao Eibar o Dépor xa asinou nesta temporada un total de 18 táboas. É a marca histórica dos coruñeses nunha mesma campaña. Co resultado do partido que se xogou o sábado á noite (1-1), o Deportivo fica con 39 puntos e podería acadar o obxectivo da salvación matemática o domingo ante o Getafe.

O partido fronte o Eibar comezaba mal para os pupilos de Víctor Sánchez del Amo, pois a primeira ocasión de perigo remataba en gol. O Eibar púñase por diante no marcador no minuto 8, cando Adrián González pescou un balón solto que ficou na área após un saque de recuncho.

Non  foi até o minuto 25 cando o Dépor conseguía tirar a porta cun disparo de Fayçal Fajr que resultou frouxo. Contra o final da primeira parte, os coruñeses presionaron o rival sen conseguir subir un tanto ao marcador.

Un Dépor tímido saltaba ao campo no segundo tempo. Os primeiros minutos foron para o Eibar, que asustou Manu Fernández cun duro lanzamento de falta que impactou contra o pau. A piques de se cumprir a hora do partido, Fede Cartabia case sube un tanto ao marcador cun disparo que rozou o poste dereito da porta local. O arxentino dispuxo minutos despois doutra ocasión clara.

Mentres que o Dépor loitaba para conseguir o empate, o Eibar probaba sorte en reiteradas ocasións con disparos que por pouco acaban en gol. Mais, finalmente, os coruñeses conseguían o empate a un cuarto de hora de concluír o encontro. O tanto chegou dos pés de Fede Cartabia após disputarlle o balón a David Juncà.

SD Eibar: Riesgo, Capa, Iván Ramis, Mauro dos Santos, Juncà, Keko Gontán (Radosevic, min. 89), Adrián, Escalante, Hajrovic (Jota, min. 68), Sergi Enrich e Borja Bastón (Saúl Berjón, min. 80).

RC Deportivo: Manu Fernández, Laure, Arribas, Sidnei, Juanfran, Fede Cartabia (Jonás Gutiérrez, min. 89), Pedro Mosquera, Borges, Fayçal Fair (Cani, min. 72), Oriol Riera e Lucas.

Goles: 1-0 Adrián (min. 8); 1-1 Fede Cartabia (min. 71).

Árbitro: Prieto Iglesias (c. navarro). Tarxeta amarela a Fayçal Fajr (min. 53).

Comentarios