O Dépor abeira o ridículo e Garitano perde a súa bola de partido en Butarque

Este domingo Tino Fernández reúne o seu estado maior en Abegondo. Todo aponta para unha rápida destitución de Gaizka Garitano. Con el no banco o Dépor só gañou catro partidos no que vai de campionato.

Screen Shot 2017-02-25 at 21.50.35
photo_camera Kakuta lamenta unha ocasión falida

O Deportivo voltou a ser unha equipa sen alma, voltou a andar sen xeito ningún sobre un campo de fútebol e caíu con estrépito face un rival directo, que lle endosou un cru 4-0 sen apenas despeitearse. O Leganés plantexou un partido descarnado, co coitelo afiado entre os dentes. O Dépor pareceu unha equipa xuvenil, moi inferior no plano físico, incapaz de disputar a bola. Unha equipa de Segunda División, para sermos francos.

Consciente de que se xogaba o cargo no sempre áspero campo de Butarque, Garitano arriscou e improvisou algunha solución sen precedentes. Un pouco a todo ou nada. Só iso explica a suplencia de Florin Andone, máximo realizador da equipa, e a súa substitución por Joselu. No medio centro, en troca, foi polo libro e non lle deu nen un só minuto a Álex Bergantiños, que cumpre condena fóra da equipa sen que ninguén saiba que crime futbolístico se lle imputa. Voltou Mosquera, mais apenas dispuxo de 45 minutos para se reivindicar. A súa substitución por Andone é desas cousas dificilmente explicábeis para un leigo na materia, o certo é que, sen o coruñés no campo, medio centro puro só ficaba Guilherme, que non deu feito.

O partido para o Deportivo durou exactamente 19 minutos, os que demorou o Leganés en abrir o taboleiro de marcas cun gol deses que che entran unha vez de cada mil tiros a porta. Neses 19 minutos o Dépor existiu mentres non se esgotaron as reservas de oxíxeno de Kakuta. A súa bombona acostuma esgotarse no ecuador das primeiras partes. A equipa rival teno ben doado: frea Kakuta nas súas primeiras acometidas e logo o francés xa frea soíño.

Minuto 30, Mantovani entra como un ciclón na área deportivista e pon en evidencia Sidnei. Gol. Na diferente actitude dos dous futbolistas nesta acción resúmese o abismo que separa nestes momentos Leganés de Deportivo, moi superior ao magro ponto de vantaxe que os madrileños teñen agora na táboa clasificatoria (sendo que, alén do máis, a equipa galega aínda ten un partido por disputar, o suspendido no seu momento a consecuencia do temporal, en Riazor co Betis).

Digamos que o mellor para o Deportivo continúa a ser a clasificación. Se gañar o Betis, o Dépor sairía con marxe da zona do descenso. O pior para o Deportivo é todo o demais. O estado anímico. O fútebol (ou mellor dito, o non futebol). A falta de esperanza. O engruñamento. A lentitude. A carencia de nervio competitivo. Todo aquilo que debe caracterizar unha equipa de Primeira División falta neste momento no Deportivo.

A segunda parte resúmese na expulsión de Albentosa e nos dous goles do Leganés, con Lux a facer aínda por cima algunhas paradas de mérito. 

O probábel é que este domingo o Deportivo anuncie a destitución de Garitano. Fican, contando o xogo aprazado, 15 partidos por diante. A situación non é desesperada, mais a atitude e o futebol da equipa si son desesperantes. Iso é o que condena o treinador vasco.

CD Leganés: Herrerín, Tito, Mantovani, Siovas, Diego Rico, Rubén Pérez, Erik Morán (Unai López, min. 72), El Zhar (Bueno, min. 86), Gabriel, Szymanowski e Guerrero (Samu García, min. 77).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Pedro Mosquera (Andone, min. 46), Carles Gil (Fayçal Fajr, min. 69), Emre Çolak, Kakuta (Luisinho, min. 46) e Joselu.

Goles: 1-0 Szymanowski (min. 19); 2-0 Mantovani (min. 30); 3-0 Unai López (min. 81); 4-0 Bueno (min. 90+1).

Árbitro: Munuera Montero (c. andaluz). Expulsou Albentosa (min. 62). Cartóns amarelos a Lux (min. 63), Erik Morán (min. 66), Andone (min. 69), Guerrero (min. 69), Guilherme (min. 75), Fernando Navarro (min. 78) e Joselu (min. 90).

Incidencias: partido correspondente á 24ª xornada da Liga Santander disputado no estadio de Butarque perante 10.076 espectadores, entre eles uns 200 seareiros deportivistas.

Comentarios