O Dépor Abanca, costa abaixo e sen freo... por agora

Se esta reportaxe fose un libro, tería que titularse 'Auxe e caída do Deportivo Abanca', pois en menos dun ano o coruñés pasou de ser o equipo revelación da Liga ao fechacancelas. Por sorte, aínda non é tarde para reverter a situación, e as de Manu Sánchez terán mañá en Valencia unha oportunidade para sumar tres puntos de ouro.
O feminino branquiazul regresa ao traballo co ascenso en mente. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A solución a todos os males do Deportivo feminino pasa por sumar puntos e vitorias para eludir o descenso. (Foto: RC Deportivo).

O Deportivo Abanca volverá á acción no día de mañá para medir forzas co Valencia, nun encontro correspondente á décimo sexta xornada da Primeira División. Este choque supón un regreso á acción con data de caducidade, pois o partido contra o Sporting de Huelva programado para a próxima terza feira, 27 de xaneiro, xa foi suspendido polo Xuíz de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a causa da situación de illamento na que se atopan 22 xogadoras e distintos membros do corpo técnico do conxunto onubense logo de teren sido contacto estreito dunha persoa positiva en Covid-19. 

As futbolistas coruñesas padeceron unha situación moi similar estas últimas semanas, o que provocou que leven desde o choque ante a Unión Deportiva Granadilla Tenerife Egatesa, disputado na véspera do día de Reis, sen poder xogar, no que foi o enésimo contratempo dunha tempada absolutamente negra para un conxunto que non é senón outra vítima da crise institucional e deportiva da entidade branquiazul, e que antes xa levou a que o primeiro equipo masculino pene hoxe en campos de herba artificial ante equipos semiprofesionais na Segunda División B e que un Fabril que outrora era eterno candidato ao ascenso á categoría de prata non pase de media táboa no Grupo A da Terceira Galega.

As chaves dunha desfeita

O 6 de maio de 2020 a RFEF oficializaba a fin da tempada na Liga Iberdrola a causa da pandemia, aínda que xa desde principios de marzo levaba sen disputarse partido ningún.

Nas 21 xornadas previas á irrupción do coronavirus, o Deportivo Abanca obtivo 11 vitorias, catro empates e seis derrotas, permanecendo invicto durante as sete primeiras datas do campionato e sendo, ademais, o segundo conxunto máis goleador, o que lle serviu para finalizar o torneo en cuarta posición.

Esta situación de hai tan só uns meses contrasta radicalmente coa actual, pois o Dépor é o fechacancelas da Liga, con só sete puntos a favor en 13 partidos e 40 goles en contra, máis que ninguén no campionato. 

A costa abaixo e sen freos da escuadra revelación na 2019/20 explícase pola xigantesca descapitalización sufrida, perdendo a maioría das súas mellores xogadoras, incluída a base da súa defensa, configurada pola porteira Misa, María Méndez e Nuria Rábano. Ademais, tamén abandonaron o Deportivo o cerebro do equipo, Tere Abelleira, ou a capitá Miriam Ríos.

No seu lugar chegaron unha serie de xogadoras de ligas menores como a costarricense (Noelia Bermúdez, Stephannie Blanco) ou a colombiana (Lorena Bedoya, Carolina Arbeláez), que veñen demostrando un rendemento moi por debaixo do das súas predecesoras. Até a teórica fichaxe estrela decepcionou, a dianteira internacional Lady Andrade, que procedía dun equipo potente como é o AC Milán, no que actualmente xoga a galega Vero Boquete, que nunha recente entrevista con Nós Diario chegou a afirmar que "se o Dépor logra salvarse, quizais se crucen os nosos camiños".

Non obstante, para iso ten que producirse unha espectacular reacción por parte das xogadoras de Manu Sánchez, que recoñeceu que está probando de todo para tratar de reverter a situación, mesmo cousas nas que non cre.

As herculinas afrontan unha maratón de partidos chave para lograr a salvación

O futuro do Deportivo na Liga Iberdrola pasa por "gañar, gañar e volver gañar", como diría o defunto Luis Aragonés. Nas vindeiras datas as xogadoras branquiazuis afrontarán un maratón de partidos que culminará o 14 de febreiro ante un Betis co que a día de hoxe está empatado a puntos (7) no fondo da clasificación.

O obxectivo pasa por recuperar o espírito de reacción que as levou a conseguir dous triunfos consecutivos -os únicos até o de agora- a mediados de decembro pasado.

Comentarios