Denuncian a marxinación de Denis Suárez no Celta

O xogador non foi convocado polo clube para a xira por México e os Estados Unidos.
Denis Suárez, en San Mamés, o pasado curso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Denis Suárez, en San Mamés, o pasado curso. (Foto: Europa Press)

Tras a decisión do Celta de Vigo de non convocar a Denis Suárez para viaxar a México e Estados Unidos de América xunto ao resto dos seus compañeiros, a Asociación de Futbolistas Españois (AFE) remitiu unha carta ao presidente da entidade viguesa, Carlos Mouriño, na que lle transmite que emprenderá as accións legais que sexan necesarias para defender os dereitos laborais do futbolista.

A través dun comunicado, AFE lembra, en primeiro lugar, que "non existe ningún motivo desde un punto de vista legal que permita ao club actuar desta maneira" e engade que "non permitir a un futbolista participar na devandita concentración pode constituír un grave incumprimento do contrato e dos dereitos do xogador".

Ademais, AFE lembra que se vulnera un dos artigos do vixente Convenio Colectivo, que estabelece que os adestramentos se realizarán de forma colectiva, non sendo conforme a dereito calquera apartamento, "salvo os casos de recuperación por enfermidade, lesión ou outra causa xustificada que deberá ser notificada por escrito ao futbolista".

O xogador de Salceda de Caselas non viaxou a México co resto de xogadores do primeiro equipo para emprender a xira de pretempada celeste. Betis e Sevilla son os principais pretendentes de Suárez.

Filtran a primeira camiseta oficial

O Celta aseguraba onte que as imaxes difundidas polas redes sociais sobre a súa primeira camiseta oficial eran auténticas e, a través dun comunicado, sinalaba que lamentaba "profundamente a filtración", provocada "por mor dunha grave neglixencia por parte dun empregado do club" ao tempo que anunciaba "unha investigación para depurar responsabilidades".

No transcurso da xornada, con outras imaxes propias do club en Twitter, transcendeu que todo podía formar parte dunha campaña de mercadotecnia para dar a coñecer a vestimenta que empregarán esta tempada.

Comentarios