“Se non gardas a bandeira vai ser peor”: denuncia ameazas do xefe de seguridade privada de Balaídos por levar unha estelada

Adrián R. Bravo, socio do Celta, presentará unha queixa perante o servizo de seguridade do club após o xefe de seguridade privada, denuncia, se lle dirixir “de forma intimidatoria” no estadio do club celeste por levar a bandeira independentista catalá e a galega.

ESTRELEIRA ESTELADA BALAIDOS IMAXE DE @adrianrbravo
photo_camera Imaxe: @adrianrbravo

“En Balaídos nunca houbera problemas para levar bandeiras da patria ou mesmo esteladas. Era algo que nos pasaba cando iamos por estadios de España mais non aquí”, di Adrián R. Bravo, afeccionado, socio, abonado e accionista do Celta que afirma que esta quinta feira pasoulle en Balaídos iso que “nunca pasaba aquí”: ser intimidado pola seguridade privada do estadio para que gardarse a estelada que levaba. Ao que ademais engade que lle deixaron tamén moi claro a “molestia” de que portase unha "estreleira" (bandeira da patria) mais que con esa bandeira “facían unha excepción”, dixéronlle.  

“Accedemos sen problemas ao estadio e fomos para a zona onde nos situamos sempre, a parte superior de Marcador”, conta Adrián. No momento en que por megafonía soa o himno do Celta o público axita bufandas e bandeiras mentes o canta, como é habitual desde hai anos. “Entón achegouse ata min o xefe de seguridade privada do Celta”, afirma, salientando que esa persoa tivo que desprazarse até ese punto do estadio á mantenta, “pois habitualmente el está a pé de campo”. Con “actitude intimidatoria”, explica este socio celtista, pediulle que gardase a ‘estelada’, ou “tería consecuencias”, pois esa bandeira “non lle gustaba á Policía”. Pregunteille por esas consecuencias. “Se non gardas a bandeira será peor para ti”, teimaba o da seguridade privada, di Adrián, mais non lla retirou nin avisou á Policía. “Tamén me dixo que coa estreleira facían unha excepción”

A cousa non foi a máis. Adrián R. Bravo anuncia que presentará unha queixa a través do Colectivo Nós, grupo celtista do que fai parte, perante o Servizo de Seguridade do RC Celta. “Queremos saber cal é o problema que hai agora con levar estas bandeiras a Balaídos cando antes non os había”. Lembra que en 2017, e coincidindo co referendo do 1 de Outubro de Catalunya, seareiros e seareiras celtistas portaban ‘esteladas’ cando a equipa xogaba na casa con rivais cataláns “e nunca houbo problema. É a primeira vez que pasa”.

Comentarios