Denis Suárez, Rubén Blanco, Brais Méndez e Santi Mina, protagonistas do mercado celeste

O Lugo confirma a fichaxe de Marc Carbó e presenta o porteiro Patrick Sequeira.
Rubén Blanco vestirá a celeste até 2027. (Foto: RC Celta)
photo_camera Rubén Blanco vestirá a celeste até 2027. (Foto: RC Celta)

O mercado de fichaxes anda máis acelerado do que é habitual nestas datas a causa das modificacións no calendario impostas pola disputa dunha Copa do Mundo contranatura nos meses de novembro e decembro.

O único representante da Galiza na Primeira División, o Celta de Vigo, ten múltiples frontes abertas. A primeira é a renovación de Rubén Blanco. O canteirán ampliou o vínculo co club ao que chegou sendo aínda un neno até xuño de 2027. "Estou moi contento. Esta é a miña casa, hoxe é un día moi feliz para min", comentou o gardameta, que destacou que "son xa nove anos no primeiro equipo e sempre o dixen, mentres o club non me diga o contrario estarei encantado de estar aquí. É un orgullo para calquera neno chegar ao primeiro equipo".

Non obstante, isto non significa que cambie a situación deportiva dun Rubén Blanco que non xogou nin un só partido ligueiro o ano pasado. O técnico celeste, Eduardo Coudet, ten outras prioridades para a portería, e a secretaría técnica do club continúa buscando no mercado unha alternativa ao de Mos para ser o dono da meta do Celta.

Quen non semella que vaia renovar é Denís Suárez. Nunha visita ao seu campus, o centrocampista denunciou a "inxustiza" que está a cometer con el o Celta, pois o presidente, Carlos Mouriño, deixou moi claro que "pasará a súa última tempada de contrato no palco" senón renuncia á axencia Intermedia Sport Player, que estivo detrás da marcha do canteirán Bryan Bugarín ao Real Madrid en xullo do ano pasado.

Outro activo importante do club, Brais Méndez, aterrou onte en  Donosti para pasar o recoñecemento médico imprescindíbel antes de oficializarse a súa fichaxe pola Real Sociedade. "Estou moi contento de estar aquí", manifestou.

E se o traspaso de Brais xerou división de opinións na parroquia celeste, unha posíbel marcha de Santi Mina, condenado hai tres meses a catro anos de prisión por abusos sexuais, sería aplaudida unanimemente. Na tarde de onte, o diario As sinalou que o dianteiro, apartado do equipo desde que se fixo publica a súa sentenza condenatoria, podería recalar nas filas do Aris de Salónica grego, onde xoga o seu ex compañeiro Pape Cheikh.

Xornada movida na Cidade da Muralla

Día de intensa actividade a de onte no Club Deportivo Lugo. A escuadra albivermella oficializou a chegada do seu terceiro reforzo, Marc Carbó. O mediocentro de 28 anos chega do San Fernando de Primeira Federación, onde xogou 35 partidos a tempada pasada. Ademais, presentou o porteiro Patrick Sequeira.

Comentarios