A demencia en futbolistas volve ser obxecto de estudo

Universidades británicas retoman a investigación.
O lendario Ferenc Puskás foi un dos xogadores vítima do Alzheimer. (Foto: Gahetna).
photo_camera O lendario Ferenc Puskás foi un dos xogadores vítima do Alzheimer. (Foto: Gahetna).

Un futbolista profesional ten até 3,5 veces máis posibilidades de desenvolver unha doenza neurodexenerativa que o resto da poboación en xeral, alarmante dato que no referente ao Alzheimer multiplícase por cinco, mal que padeceron xogadores tan históricos e recoñecíbeis como Ladislao Kubala, o seu compatriota Ferenc Puskás, Gerd 'Torpedo' Müller ou, máis recentemente, o 'Tata' Brown, campión de mundo coa selección arxentina en México '86.

Hai preto de un par de anos,  en xullo de 2020, Nós Diario indagou neste fenómeno nunha reportaxe titulada O mal que ameaza o fútbol, que se facía eco dun estudo da Universidade Raíña Isabel de Glasgow realizado a case 8.000 xogadores xa retirados do que se concluían os datos enunciados anteriormente. 

Xogadores tan históricos e recoñecíbeis como Ladislao Kubala, o seu compatriota Ferenc Puskás, Gerd 'Torpedo' Müller ou, máis recentemente, o 'Tata' Brown, campión de mundo coa selección arxentina en México '86 padeceron Alzheimer

Agora, á Universidade de Glasgow únese a de Edimburgo e o Imperial College de Londres, e xuntas fan un chamamento para reunir 120 ex futbolistas profesionais, a mostra idónea para o seu novo estudo neste campo de investigación.

Denominado BrainHOPE -nunha tradución libre, 'esperanza para o cerebro'-, este proxecto utilizará unha serie de probas para comparar a saúde cerebral de ex futbolistas entre 40 e 59 anos coa poboación xeral, explorando ao mesmo tempo se existen formas de reducir o risco de doenzas neurodexenerativas. Para o profesor  Willie  Stewart,  neuropatólogo, consultor e profesor honorario da Universidade de Glasgow e líder do estudo, este é "incribelmente importante".

Financiamento da FIFA e a Federación Inglesa

O proxecto conta con financiamento da FIFA -o organismo reitor do fútbol a nivel internacional- e da Federación Inglesa (FA). A xefa de Medicina do Rendemento deste último organismo, Charlotte Cowie, considera que esta investigación supón "outro paso importante para comprender a saúde a longo prazo dos ex futbolistas", e está convencida de que tamén axudará "a comprender mellor os vínculos entre o xogo e as enfermidades  neurodexenerativas, así como tamén as posíbeis intervencións temperás que levar a cabo e que poderían axudar a reducir o risco ou a velocidade de desenvolvemento da demencia", conclúe Cowie.

Comentarios