Derrota ante a Real (2-3)

Demasiados agasallos en Riazor

O efeito Lucas Pérez terá que esperar. O futebolista de Monelos apareceu sobre o verde no minuto 47 e, case de imediato, o Dépor colocaba o 2-2 no taboleiro de marcas. Bonita reacción para unha equipa que aos 4 minutos ía perdendo 0-2. Mais Lucas non fai milagres, os agasallos continuaron e a Real cazou os tres pontos en xogo.

Luisinho
photo_camera Luisinho, nun lance do xogo

Desatención, descoordenación, relaxación, falta de intensidade, caos táctico. Todo o catálogo de horrores despregouse esta mañá en Riazor para selar a segunda derrota do campionato en tres partidos. Algo cheira a podre no vestiario de Pepe Mel. Algo parecido a certa incapacidade para tirar proveito dun plantel que obxectivamente (coa chegada do central suízo Schär, a fichaxe de Adrián e o retorno do fillo pródigo Lucas) é ben mellor do que na temporada pasada. Algo non acaba de funcionar nas formulacións tácticas de Mel. Nun momento dado tivo sobre o campo até catro futebolistas de marcada vocación ofensiva -Cartabia, Lucas, Andone, Adrián-, catro futebolistas menos a defender, excesiva vantaxe para unha Real Sociedad que, con Eusebio Sacristán ao leme, se caracteriza por gañar os partidos desde a medular.

Tampouco nos entreguemos a un exercicio de alarmismo, dirán os sectores máis sensatos das bancadas. Certo, mais hai sinais ben preocupantes. Tyton non está neste momento para ser titular con garantías. Sidnei continúa perdido, sombra do que foi. E o centro do campo -nesta matinal sen Çolak- non é quen de criar nada. Sintomático que a asistencia a Adrián no 2-1 -o gol que abría a porta á esperanza- chegase dun central -o outra vez espléndido Schär- e non dos medio-centros.

En realidade, Riazor viviu un encontro desigual, entre un combo perfeitamente acabado e cun líder claro -o treinador no banco, Illarramendi ao mando das operacións sobre o verde- e unha equipa, a galega, eternamente en construción -cun técnico que, xa desde o tramo final da pasada temporada, é a viva imaxe da confusión.

Si, voltou Lucas e, si, o seu espírito de gañador indomábel pairou por momentos sobre Riazor, a súa taumatúrxica saída ao campo precedeu en apenas un minuto o segundo gol do Dépor, de Andone. Mais foi unha miraxe. A Real non se despeiteou e continuou polo seu rego, gobernado por un Illarramendi imperial até na definición.

Hai serios motivos de preocupación sobre todo se desde o vestiario Mel continúa sen dar sinais de vida.

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho, Fede Cartabia (Fede Valverde, min. 64), Guilherme, Pedro Mosquera, Bruno Gama (Lucas, min. 49), Adrián e Andone (Bakkali, min. 71).

Real Sociedad: Rulli, Odriozola, Aritz, Iñigo Martínez (Llorente, min. 66), Kevin Rodrigues, Xabi Prieto, Illarramendi, Zurutuza, Januzaj (Carlos Vela, min. 74), Willian José e Juanmi (Canales, min. 54).

Goles: 0-1 Juanmi (min. 3); 0-2 Illaramendi (min. 4); 1-2 Adrián (min. 27); 2-2 Andone (min. 50); 2-3 Llorente (min. 83); 2-4 Illarramendi (min. 86).

Árbitro: Munuera Montero (c. andaluz). Cartóns amarelos a Juanmi (min. 44), Guilherme (min. 47), Kevin Rodrigues (min. 54) e Odriozola (min. 80).

Incidencias: 21.942 espectadores no estadio ABANCA-Riazor.

Comentarios