2-6

Demasiado Madrid B para tan pouco Dépor

A ver, non quedáramos en que había que saír concentrados ao campo, nomeadamente nos primeiros minutos? Non machucara esa idea Pepe Mel nas vésperas do choque? Non era que esta equipa se erguía contra os grandes (así chegou a vitoria face o Barça de Messi, o empate co Atlético de Griezman)? Nada diso. No segundo 52 do xogo, o Dépor xa ía perdendo. Unha equipa desarbolada conseguiu que a versión B do Real Madrid parecese un novo dream team. O mellor, o resultado.

Depor
photo_camera Lucas Vázquez conduce o balón perante o acoso de Luisinho

A primeira media hora de xogo foi o encontro entre unha equipa liliputiense, como un combo xuvenil, contra unha equipa de futebolistas profisionais. Durante ese lapso de tempo, o Real Madrid -cheo de suplentes, 9 caras novas a respeito do clásico co Barcelona- marcou dous goles e esa foi a mellor noticia para un Deportivo que, como acontecera en Anoeta, non compareceu sobre o céspede. O pior para a escadra galega é que os suplentes do Madrid teñen fame e saen ao campo cunha idea entre cella e cella, facerlle a vida o máis difícil posíbel a Zidane (como é posíbel que o treinador francés aliñara Bale en pésimas condicións físicas e deixara Isco sen utilizar fronte a Messi e os seus colegas?).

Visto o visto, o Madrid levantou algo o pé do acelerador consumidos os primeiros 30 minutos, conxuntura que Florin Andone aproveitou para se reconciliar co gol, nunha xogada con certa fortuna (non, Guilherme non quería asistir o romanés, aquilo non foi un pase, senón un chut bastante despropositado).

O gol de Andone criou un certo espellismo e o Dépor reparou en que estaba a xogar un partido de Primeira División face  un dos grandes. Durante dez minutos fixo aquilo que cabía agardar que fixera durante todo o xogo. Correr. Presionar. Etc. E o traballo estivo a piques de dar froitos. Mais non. Isco -imperial toda a noite- decidiu reivindicarse por enésima vez e do seu maxín brotou a acción que puxo o 0-3 no taboleiro de marcas, obra de Lucas Vázquez, o eléctrico punta de Curtis.

Na segunda parte, o Dépor voltou a desaparecer -agás en accións isoladas, como no segundo gol de Joselu- e o Real Madrid incrementou a conta en tres tantos máis. O resultado foi un set, 2-6, mais puido ser ben máis avultado. Baste dicer que un dos mellores deportivistas foi -até que se lesionou- Germán Lux, non así o seu relevo Tyton, co-autor do cuarto gol branco ao papar unha bola perfeitamente parábel propulsada por Casemiro.

Razóns para temer o descenso? Aritmeticamente exiguas. O Sporting aínda o está a facer pior que o Dépor. Mais o asunto non está aí. O asunto está en que o Dépor neste momento ten máis fasquía de equipa filial do que de equipa profisional. Non admira, portanto, que na conferencia de imprensa posterior ao encontro, Pepe Mel abeirase o rexisto melodramático: "Temos que replantexarnos moitas cousas de cara a Pamplona [próxima saída branquiazul], se teño que levar xogadores do Fabril ante Osasuna o farei".

RC Deportivo: Lux (Tytoń, min. 46), Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Álex Bergantiños, Carles Gil (Joselu, min. 57), Emre Çolak, Kakuta (Fernando Navarro, min. 46) e Andone.

Real Madrid: Kiko Casilla, Danilo, Nacho, Varane (Álvaro Tejero, min. 88), Marcelo, Kovačić, Isco (Casemiro, min. 79), James Rodríguez, Lucas Vázquez, Morata e Asensio (Mariano, min. 79).

Goles: 0-1 Morata (min. 1); 0-2 James Rodríguez (min. 14); 1-2 Andone (min. 35); 1-3 Lucas Vázquez (min. 44); 1-4 James Rodríguez (min. 66); 1-5 Isco (min. 77); 2-5 Joselu (min. 84); 2-6 Casemiro (min. 87).

Árbitro: Sánchez Martínez (c. murciano). Cartóns amarelos a Arribas (min. 67), Isco (min. 68), Joselu (min. 90+2) e Emre Çolak (min. 90+3).

Incidencias: 34 xornada de liga. 26.788 espectadoras e espectadores no estadio de Riazor.

Comentarios