Deixando a homofobia en fóra de xogo

A Coruña conmemora o Día Mundial contra a LGTBIfobia no mundo do fútbol coa proxección do documental Fóra de Xogo, de Richard Zubelzu, que analiza ese porqué da invisibilidade dos homosexuais no fútbol español, e cunha palestra na que participarán, entre outras persoas, Fernando Vázquez.
Fotograma documental
photo_camera Fotograma do documental 'Fóra de Xogo', que Alas Coruña proxectará mañá no Forum Metropolitano da Coruña. (Foto: Nós Diario).

"Michel, Michel, Michel maricón, maricón, maricóoooon!" foi un cántico que formou parte da rutina de todos e cada un dos domingos do interior do Real Madrid cando xogaba lonxe do Bernabéu desde aquela famosa xogada na que, intentando desconcentralo, palpara os testículos de Carlos Alberto Valderrama defendendo un córner nun partido de 1991. 

Aínda que seguiuno escoitando cando visitaba como adestrador algunha desas localidades nas que non se lle recordaba con especial cariño, após a súa retirada foi outro centrocampista branco, José María Gutiérrez, Guti, quen herdou a chanza homófoba, que nun alarde de enxeño mantivo incluso o mesmo ritmo e cadencia. 

Mais a homofobia no fútbol de elite non é só cousa dos seareiros máis exaltados. Pese a ter que escoitar desde as bancadas cousas como "Cristiano maricón, Cristiano maricón" ou o "Cristiano, sal del armario, sal del armaaario", o astro portugués tamén recibiu durante a súa estadía na Liga esa clase de comentarios homófobos por parte doutros futbolistas. 

Durante un derbi madrileño contra o Atlético de Madrid, segundo informara naquel momento a Cadena Cope, o internacional español Koke chamara "maricón" a Cristiano Ronaldo, ao que este respondera: “Maricón, si, pero cheo de pasta, cabrón”. Ningún dos dous dixo nada sobre o tema finalizado o partido. 

Porque sobre a homosexualidade no fútbol profesional esténdese un velo de omertá. Pese a que as estatísticas máis recentes apuntan a que arredor de 10% das persoas non é heterosexual, porcentaxe que aumenta en moitos puntos entre as máis novas -que comprendería as idades da maior parte dos xogadores en activo-, non hai nin un só futbolista das principais ligas do mundo fóra do armario.  

Justin Fashanu na memoria

Para Fito Ferreiro, da Asociación Alas Coruña, esta situación débese á "presión por parte das elites do fútbol, como federacións, directivas intermediarios e managers", que provocan que o xogador "teña medo a perder o seu traballo e á reacción da grada", segundo apunta para Nós Diario. 

Por estas e outras razóns, Alas Coruña, que en apenas unha semana celebrará o seu décimo aniversario loitando contra a marxinación das persoas LGTBI, organiza un acto conmemorativo co gallo do Día Mundial contra a LGTBIfobia no fútbol, que se celebra hoxe, día 19 de febreiro.

A efémeride coincide co aniversario do nacemento de Justin Fashanu, o primeiro futbolista profesional en saír do armario, feito que lle custou a súa carreira nos terreos de xogo e, anos máis tarde, a súa propia vida. 

Así, o Forum Metropolitano da Coruña acollerá mañá, día 20, ás 20.15 horas, a proxección do documental Fóra de Xogo, de Richard Zubelzu, que analiza ese porqué da invisibilidade dos homosexuais no fútbol español, un proxecto no que atopou "numerosas atrancos" por parte dos principais equipos da Liga, como son Real Madrid, Fútbol Club Barcelona e Atlético de Madrid. 

Logo desa proxección desenvolverase unha palestra co título A homofobia no mundo do deporte, que contará coa participación de Fernando Vázquez, adestrador do Real Club Deportivo; do vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Villamisar; de Pili Carballeira, adestradora e ex xogadora; e do xornalista Xurxo Fernández.

Fito Ferreiro recoñece que se ben "é moi importante" que se "normalice" a situación no fútbol profesional, el ve un problema que se estende a todos os niveis do deporte, pois nin o fútbol feminino nin o de base son alleos á homofobia.

De feito, revela que unha das convidadas para intervir na palestra foi a deportivista Teresa Abelleira, "mais rexeitou participar porque non quere expoñerse despois de todo o que pasou".

Hai uns meses, a centrocampista foi obxecto de acoso nas redes sociais logo de facer pública a súa relación coa súa compañeira Patricia Curbelo. "Miña nai, que asquerosidade" ou "pobres das outras xogadoras" son só unha escolma dos comentarios recibidos por unha xogadora que non tiña cumpridos os 20 anos. Porque o odio tampouco entende de idade. 

Comentarios