De la Morena chama "independentistas" a todos os celtistas que non querían o ultradereitista Salva Ballesta como segundo treinador

O xornalista deportivo José Ramón de la Morena dixo esta mañá na SER, no seu comentario diario no programa Hoy por Hoy, que en Vigo non se quixo a Salva Ballesta por ser "demasiado español" e que Carlos Mouriño, o presidente do Celta, se pregou por medo aos "independentistas".
Salva Ballesta
photo_camera Salva Ballesta
 

José Ramón de la Morena, xornalista deportivo, dixo esta mañá na SER, no seu comentario diario no programa Hoy por Hoy, que en Vigo non se quixo a Salva Ballesta por ser "demasiado español" e que Carlos Mouriño, o presidente do Celta, se pregou por medo aos "independentistas".

De la Morena oculta que a oposición a Salva non é pola súa maior ou menor identificación con España, senón pola súa ideoloxía ultradereitista e pola súa devoción a Tejero.

De la Morena menosprezou a Mouriño ao que se referiu como "un tal Mouriño" e mandou un recado a Abel Resino, de quen agarda que non sexa "sumiso" ao presidente do Celta.

A caverna mediática con Ballesta

A caverna mediática posicionouse onte co ultradereitista e contra o Celta por rexeitar a súa incorporación como segundo treinador da equipa viguesa. O ABC leva o tema á capa de deportes co titular "Vetado por sentirse español" e, como todos os demais medios, centra a súa información nas declaracións de Salva Ballesta. Como ilustración escolleron unha fotografía do ultradereitista facendo o saúdo militar e nun avión de combate.

A COPE asegurou que non se contratou a Ballesta "polo rexeitamento masivo dun grupo ultra de seareiros" e o propio ultradereitista admitiu que todo comezou "nas redes sociais"

En La Razón tamén aproveitaron as declaracións de Ballesta nas que asegura que "é unha mágoa que nos tempos nos que estamos se confunda a política co deporte" sen ter en conta que o propio ex-xogador do Atlético de Madrid creou esta situación após unha traxectoria marcada polo súas declaracións políticas. Na información Ballesta carga contra o agora treinador do Celta, Abel Resino, dicindo que respecta "a súa decisión mais eu non houbera asinado se me din que non podo levar ao meu segundo, o meu equipo deportivo técnico vai comigo e cae comigo".

A información máis dura é a de Intereconomía que titula "O Celta veta a Salva Ballesta" e asegura que "os Celtarras" frearon a contratación de Salva Ballesta como segundo treinador de Abel Resino". Na mesma cadea de televisión no mes de abril Ballesta declaraba que "eu non vou a descubrir que tendencia teño, ante todo son español, e defendo ao meu país en todo o que poda. Se hai xente que vive en España, que é catalán ou vasco, síntase ou non se quera sentir español, tense que foder porque naceu en España".

De madrugada, na COPE, o ultradereitista quixo suavizar a situación e dixo que "non teño nada en contra dese grupo de seareiros, respecto a súa opinión" e que "a política" non lle interesaba. A cadea de radio asegurou que non se contratou a Ballesta "polo rexeitamento masivo dun grupo ultra de seareiros" e o propio ultradereitista admitiu que todo comezou "nas redes sociais".

Comentarios