Daniel e Geni en individuais e Gharaboto por equipos vencen na liga nacional de billarda

As finais da Liga Nacional de Billarda disputáronse o pasado domingo no campo de fútbol Manuel Paz do Castiñeiriño, en Compostela. A Conferencia NorLeste impúxose en tres dos cinco podios en xogo.

photo_camera Podio da categoría absoluta

Na categoría por equipos, o triunfo foi para Gharaboto, de Marín (Conferencia Rías Baixas), unha escadra que aloumiñou varias veces no pasado este título. Finalmente foi quen de se impor a Carabullo (Ponte de Outeiro) e Billardeiros Musicais (Ribadeo), segundo e terceiro, respectivamente.

Na categoría de donas —participaron 4 da conferencia NorLeste, 2 da NorOeste e 12 de Rías Baixas— venceu a grande favorita, Geni (Billardeiros Musicais, de NorLeste—, quen deste xeito se alza por terceira vez co título de campioa nacional. Geni derrotou na final Adriana, do Valpaços Terra Quente).

Canto á categoría masculina —15 palanadores de NorLeste, 9 de NorOeste e 24 de Rías Baixas—, o podio tamén foi para un integrante de Billardeiros Musicais, Daniel, após superar Lito e Salva, ambos de Corredoiras de Rías Baixas, segundo e terceiro, respectivamente..

En infantís, con dez nenos e seis nenas en liza, a vitoria sería para Abel Ponte, do Campo da Feira, con Óscar Caldas (Armadiña) e Miguel Cancelas (Campo da Feira) a completaren o podio na segunda e terceira praza.

Finalmente, na categoría de Varados, con 20 finalistas (7 de NorLeste, 2 de NorOeste e 3 de Rías Baixas), a vitoria acabaría sorrindo a Charli (Carabullo), seguido por Sachas (Troitas Bravas) e Dani (Rinoceronte).

Comentarios