mércores 23/09/20

Dani Giménez: "Suspender o fútbol é o máis sensato"

O gardameta galego do Deportivo considera que deter as competicións foi a decisión axeitada, e que a Federación e a Liga "xa se buscarán a vida" no futuro.
Dani Giménez, porteiro do Real Club Deportivo (Foto: RC Deportivo).
Dani Giménez, porteiro do Real Club Deportivo (Foto: RC Deportivo).

O porteiro titular do Real Club Deportivo, Dani Giménez, protagonizou unha rolda de prensa virtual que, como non podía ser doutro modo, estivo condicionada pola situación actual provocada pola pandemia do coronavirus.

Vigués de nacemento, atópase na Coruña illado "coa miña muller e os meus cans". "A miña situación persoal é a de todo o mundo, metido na casa, intentando saír o menos posíbel á rúa e lonxe da miña familia, porque teño avoas de idade e o mellor para elas é estar illadas", engadiu.

O futbolista branquiazul explicou que intenta "manter uns horarios bos, como se fosen de competición, levantándome cedo todos os días e adestrando hora e media, dúas horas", todo co obxectivo de "estar nas mellores condicións cando se retome a competición".

Entre as diferentes opcións que se estudan para cando se levante o confinamento, Dani Giménez opta por xogar os partidos que quedan" e, "se hai que retrasar o inicio da seguinte competición, pois que a Liga e a Federación se busquen a vida". 

Cuestionado pola pandemia, indica que "non se saben nin o seu alcance nin a súa magnitude", polo que "agora o importante é a saúde, suspender o fútbol foi a decisión máis sensata".

comentarios