Cuarta feira de sol, praia e moito fútbol

Lugo, Dépor, Celta B e Pontevedra xogan hoxe partidos amigábeis.
Ponferradina e o club branquiazul colisionan un ano despois de competir polo Teresa Herrera na pasada edición do torneo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Ponferradina e o club branquiazul colisionan un ano despois de competir polo Teresa Herrera na pasada edición do torneo. (Foto: RC Deportivo).

O fútbol está tan vinculado ás tradicións do verán como a area, os xeados ou as festas gastronómicas, pois os partidos amigábeis xogados baixo as altas temperaturas de agosto son fundamentais non só para que a afección vaia familiarizándose coas distintas caras novas no equipo dos seus amores, senón tamén para que os técnicos pulan o máis rápido posíbel as súas estratexias de cara a unhas primeiras xornadas de campionato que cada vez arrancan antes.

Esta é a razón pola que no día de hoxe a Galiza vivirá unha 'súper cuarta feira' de fútbol ao vivo, pois entrarán en acción Club Deportivo Lugo, Real Club Deporitvo, Celta B e Pontevedra.

A primeira en saltar ao terreo de xogo será a escuadra branquiazul, que colisionará contra a Ponferradina de Segunda División ás 18.30 horas da tarde no campo da Magdalena de Vilalba.  Os de Ponferrada, a pesar de militar nunha categoría superior, son uns vellos coñecidos das pre tempadas deportivistas, pois o pasado ano 2021 estivo convidado por vez primeira ao Trofeo Teresa Herrera, facéndose co triunfo pola mínima (1-2). O choque suporá unha boa oportunidade para seguir as evolucións dalgunhas das moitas caras novas no conxunto coruñés, como Edu Sousa ou Ibai Gómez.

Media hora despois, ás 19, o Lugo xogará contra o filial do Real Madrid, o Castilla, que iniciou antonte unha concentración en Viveiro. Até alí desprazarase a escuadra albivermella, pois o duelo terá lugar no Campo Municipal de Cantarrana. O encontro poderá seguirse por televisión en aberto a través da canle oficial do conxunto blanco, no que destaca a presenza do ex dianteiro deportivista Noel.

Xa ás 19.30 horas será a quenda do Celta B-Compostela no marco do VI Memorial Antonio Bermúdez, no Estadio Vero Boquete da capital galega. O filial acaparará a atención da afección celeste non só polo descanso competitivo até o sábado do primeiro equipo, senón porque o presidente Carlos Mouriño afirmou que no 'B' contan con xogadores de susceptíbeis de subir ao Celta 'A' no caso de non reforzar a liña de ataque.

Por último, o Pontevedra fechará a xornada coa súa visita ao Couto para xogar contra o Ourense CF ás 20 horas. 

O Celta presenta Agustín Marchesín: analizamos o novo propietario da meta celeste

Non é descoñecida a multiplicación de fichaxes procedentes do cono sur por parte do Celta desde a chegada ao banco celeste de Eduardo 'Chacho' Coudet en novembro de 2020.

Sen contar o actual mercado de verán, a escuadra viguesa incorporou sete futbolistas, dos  que catro proceden da arxentina, un do Brasil -Galhardo, que xa estivo ás ordes do Chacho en Internacional- e outro de México.

O veterano porteiro Agustín Marchesín, que asinou onte o seu contrato, tamén responde a este perfil. Arxentino de 34 anos, defendeu oito veces a meta da súa selección, coa que gañou -como suplente- a Copa América do ano 2021.

Precisamente ese era o rol que viña ocupando no equipo do que procede, o Futebol Clube do Porto, co que só disputou nove partidos a pasada tempada. En total, alí xogou en 78 encontros, nos que encaixou 46 goles. O ex de Lanús, Santos Laguna e América destaca, como ditan os cánones dos porteiros sudamericanos, polos seus reflexos felinos, que en combinación coa súa altura (1,88) e a súa colocación fan del unha aposta que ten todo para  funcionar moi ben en Vigo.

Comentarios